займ срочно

A mezzosoprano Marta Infante no Ateneo Barroco

0

Compostela, 10 de outubro do 2019 – Terceiro concerto do Festival Ateneo Barroco coa mezzosoprano Marta Infante acompañada olo arpista compostelán Manuel Vilas.

Despois do Paraninfo e o Teatro Principal o ciclo chega a Igrexa da Universidade, outro espazo habitual en este tipo de concertos. A cita ás oito da tarde. Marta Infante e Manuel Vilas propoñen para esta ocasión unha viaxe pola Europa Barroca, ou o que é o mesmo pola música do occidente europeo dos séculos XVII e XVIII.

Francia, Inglaterra, Alemaña e Italia son as nacións máis representadas a través de autores tan coñecidos como Haendel, Purcell, Vivaldi e Telemann, e figuras máis por descubrir como Sances, Strozzi ou Fischer. Escoitaranse algunhas das cancións e composicións vocais máis fermosas da época neste programa seleccionado por estes dous reputados especialistas e estudosos da música antiga.

As entradas para o concerto poden adquirirse en entradas.ataquilla.com, na sede de Afundación na rúa do Vilar e, 2 horas antes do concerto, na mesma Igrexa da Universidade.

Como cada día, no espazo de celebración de cada concerto, e con anterioridade ao mesmo (18.30h), celebraranse uns breves encontros cos artistas, dispostos a ilustrar e amosar as peculiaridades dos seus instrumentos e a satisfacer as dúbidas e curiosidades do público. Neste caso, nesta charla encontro o público poderá descubrir con Manuel Vilas variados e enriquecedores aspectos das características técnicas e musicais dun instrumento tan fascinante como son as arpas antigas e barrocas. Esta actividade é gratuíta con acceso limitado por rigorosa orde de chegada a 25 persoas.

Marta Infante

Nada en Lleida, onde comeza os estudos de piano, viola e canto, completa a súa formación superior de canto na Universidade de Ostrava (República Checa). Ten actuado en Alemaña, Francia, Noruega, Italia, Chequia, Polonia, Grecia, Xapón, e nas principais cidades de Oriente Medio e Sudamérica, así como nos principais festivais e auditorios de España xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Madrid, Sinfónica Rexión de Murcia, Filharmónica de Málaga, Orquestra Nacional do Salvador, Orquestra da Comunidade de Madrid, Sinfónica de Barcelona i Nacional de Catalunya, Orquestra Nacional de España, Orquestra de RTVE, etc.

Marta InfanteTen traballado con directores da categoría de Jordi Casas, Arturo Tamayo, Francisco Rodilla, Miguel Ángel Gómez Martínez, Germán Cáceres, Aldo Ceccato, León Botstein, José Ramón Encinar, Carlos Kalmar e Kees Bakels, entre outros. No eido da música antiga colabora habitualmente coas máis importantes agrupacións nacionais e europeas e ten cantado con directores de prestixio como Vaclav Luks, Enrico Onofri, Federico María Sardelli, Ottavio Dantone, Richard Egarr, Giovanni Antonini, Rinaldo Alessandrini, Paul Goodwin, etc.

Xunto ao pianista Jorge Robaina realiza un destacado labor no mundo do Lied ofrecendo recitais na Fundación Juan March (Madrid), Teatro Calderón (Valladolid), Caixaforum e Palau da Música Catalana (Barcelona), onde foi premiada no Concurso “Primer Palau” pola súa interpretación de Mahler e Dvorák, etc. Ten gravado para a radio checa, Mezzo, Catalunya Música, RNE e as discográficas Alpha, Glosa, CDM, Verso, Enchiriadis e EMEC, entre outras. A súa ampla discografía abrangue discos de música medieval, renacentista e barroca.

Manuel Vilas

Nace en Santiago de Compostela, estuda arpas antigas dos séculos XII a XVIII en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Ten colaborado con prestixiosos conxuntos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre Español, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Ensemble Elyma, La Galanía, Ars Longa, La Trulla de vozes, Orquestra Barroca de Sevilla, Coro Nacional de España,  Ensemble La Chimera, Los Músicos de su Alteza, etc. nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Cuba, EUA, Ecuador, República Checa, Paraguai, Austria, Portugal, Suíza, Francia, Italia, Bolivia, Bélxica, Arxentina, Chile, Holanda, etc.

Tamén realiza concertos como solista, con programas centrados na música barroca española, americana e italiana, e imparte conferencias e cursos. Ten colaborado en máis de 60 discos con diferentes grupos e discográficas e participado en producións operísticas en París, Viena, Madrid, Xenebra, México, Berlín, Múnic, Bilbao, etc. Foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba.

Actualmente atópase centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do Barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal como se facía na época, do que xa foron publicados catro discos compactos nos selos Naxos, Enchiariadis, Arsis e La Má de Guido, acompañado polas cantantes Raquel Andueza, Marta Infante e Estrella Estévez e o tenor Felix Rienth. Manuel Vilas é director artístico do proxecto de gravación dos 100 tons do Manuscrito Guerra, manuscrito do século XVII que investiga dende hai máis de dez anos e cuxa gravación integral publica Naxos en 6 compactos.

Foi asesor no proxecto patrocinado pola Generalitat Valenciana de recuperación dos instrumentos dos frescos da catedral de Valencia. En 2008 fundou ARS ATLANTICA, grupo que se presenta no Festival Via Stellae coa estrea en tempos modernos das cantatas procedentes do palacio que a familia Contarini posuía preto de Venecia e cuxa gravación, xunto á mezzo Marta Infante, foi galardoada en Holanda co premio Prelude Classical Music como un dos mellores discos de música antiga de 2010. É pioneiro no estudo de certo tipo de arpas, hoxe totalmente esquecidas, como a arpa xesuítica chiquitana (Bolivia, século XVIII) e a arpa dobre que circulaba pola coroa de Aragón no século XIV.

Unha das súas especialidades son os recitais con cantantes e ten acompañado a voces da categoría de Marta Infante, Guillemette Laurens, Raquel Andueza, Isabel Monar, Juan Sancho, Roberta Invernizzi, Mercedes Hernández, Marivi Blasco, José Antonio López, Isabel Álvarez, Francisco Fernández Rueda, Lidia Vinyes, Yetzabel Arias, Monica Piccinini, etc. Posúe a súa propia canle de Youtube, onde se pode ver e escoitar parte do seu proxecto audiovisual, que amosa diversas arpas antigas en diferentes localizacións de Santiago de Compostela (ArpaManuelVilas).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies