Chévere chega ao Auditorio de Galicia con Curva España

0

Compostela, 10 de outubro do 2019 – Curva España, a nova produción de Chévere, chega este venres ao Auditorio de Galicia, en Santiago.

O venres haberá ademais unha #postfunción, ao remate da representación de Curva España, na que os protagonistas participaran nun debate co público.

A obra

Coproducido xunto con Teatros del Canal, a MIT de Ribadavia e o Concello de Teo, este novo traballo de Chévere está protagonizado por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, con dramaturxia e dirección de Xron. En escena tamén están Lucía Estévez e Leticia T. Blanco, que se ocupan da gravación e realización de vídeo en directo.

Curva España de ChévereCurva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, móntase unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada e fronteiriza España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.

Sobre Curva España, a historia da curva na que se matou España

Nos últimos anos, Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral (Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso…). Este novo proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario.

Curva España de ChévereComa outras veces, pártese dunha historia moi local. Nesta ocasión trátase dun relato que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), durante os últimos noventa anos.

Chévere recolleu in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizaron o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo ese material metéronse no local de ensaios para darlle forma teatral. Poñer a historia a proba, reconstruír as voces dos seus protagonistas, crear situacións ao seu arredor, escribir sobre a marcha e a pé de escenario o que teñen que dicir.

Curva España de ChévereCurva España é a traslación á escena dun deses documentais sobre casos sen resolver que inzan as plataformas de contidos audiovisuais tipo Netflix ou HBO. O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estrutura a historia. Unha historia que dá para falar da España Baleirada, das consecuencias da lei mordaza, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como unha obra cinescénica, unha autoficción documental, sen renunciar a seguir facendo un teatro político que fala deles mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente.

Curva España de Chévere

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial