O Auditorio de Galicia celebra o seu 30 aniversario

0

Compostela, 11 de outubro do 2019 – O Auditorio de Galicia celebra este mes de outubro do 30 aniversario da súa inauguración cun programa especial de actividades.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, foron os encargados de presentar aos medios esta actividades que durarán ata o próximo día 30.

Auditorio de Galicia 30 aniversarioActo central o día 20

O próximo domingo día 20 cúmprense eses primeiros 30 anos cunha programación especial.

Ás 11:00 e 11:30 horas, o Orfeón Terra A Nosa ofrece un recital íntimo para un aforo reducido e, a esa mesma hora (11.00 h) celébrase a primeira das visitas guiadas polo edificio (que se repetirá de novo ás 17:00 h ). A partir das 13:00 h, Carlos Blanco contará as súas “viaxes” coa Real Filharmonía de Galicia, para pechar a programación da mañá con Suso Alonso ao piano e comida especial na cafetería Lasso.

Xa pola tarde, as actividades arrincan ás 17:30 h co Concerto (non tan) singular de Píscore para toda a familia, e o fin de festa chegará ás 19:00 h con Ruth Balbís e a súa peza “Give it a spin” e o concerto final de Ortiga. Todas as actividades serán de balde.

Música, danza, teatro e artes visuais

As actividades comezan hoxe e mañá con Curva España, a historia da curva na que se matou España, que presenta Chévere, partindo dunha historia local que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín.

O xoves 17, dentro do Programa de Abono e do Ciclo de Piano Ángel Brage, Norte, sul e leste, concerto da Real Filharmonía de Galicia e o pianista Dmytro Choni.

O venres 18 de outubro chega ao Auditorio de Galicia Donde el bosque se espesa, unha traumática viaxe á verdade, protagonizada por mulleres resoltas a chegar ata o final, aínda que nada volva ser o mesmo. Dirixida por Laila Ripoll, conta co apoio do programa PLATEA do INAEM.

O sábado 19 chega ao escenario da sala Ángel Brage Los limones, la nieve y todo lo demás, de Matarile Teatro. Previamente, o venres 18, na Cafetería Lasso, haberá un #CONVERSANDO coa equipa de Matarile dentro das actividades do Club C!.

Tras as celebracións do día principal, domingo 20 de outubro, a seguinte cita será o xoves 24, co concerto especial que con motivo do aniversario ofrece a Real Filharmonía de Galicia. Baixo o nome de Soños de inverno e acompañados polo violonchelista Steven Isserlis, estarán dirixidos por Paul Daniel. Incluirá a estrea absoluta dunha obra encargada pola RFG para este día á compositora galega Sofía O. Infante Souto. Antes do concerto, o público poderá charlar con ela e co director na Sala Mozart.

O sábado 26 de outubro chega ao Auditorio a coreógrafa Sol Picó, Premio Nacional de Danza 2016, para presentarnos Dancing with frogs, na que reflexiona sobre os límites entre o masculino e o feminino. Tamén co apoio do programa PLATEA do INAEM. E o domingo 27 chega a proposta da Banda Municipal de Música de Santiago, que para esta celebración convida ao concerto ás bandas de Padrón, Santa Cruz de Rivadulla e Teo.

Os eventos do 30 aniversario péchanse o mércores 30 coa inauguración de (in)visible Wom@rts na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio. Liderado polo Auditorio de Galicia e co apoio do Programa Creative Europe da Unión Europea, o proxecto europeo Wom@rts promove a presenza igualitaria das mulleres como axentes activos da contorna artística. Entre as iniciativas desenvolvidas organizáronse tres residencias artísticas para as que foron seleccionadas 32 artistas nas cidades socias do proxecto. Os traballos que realizan as creadoras toman como punto de partida O segundo sexo, en homenaxe ao ensaio escrito por Simone de Beauvoir no 70 aniversario da súa primeira publicación. Cada artista parte dunha realidade cultural e xeracional propia, para preguntarse sobre a “natureza” da muller, o arraigo social, a historia ou os pasos futuros. As obras están incluídas nesta exposición itinerante, convertendo cada cita expositiva nunha oportunidade de tecer novas conexións e referencias.

Domingo 20 de outubro, o Auditorio de Gala!

As actividades do día 20, a inauguración da exposición e o concerto da Banda Municipal serán de balde (aínda que para algunha fai falta retirada de convite ou inscrición previa). Para o resto de actividades poden mercarse as entradas na páxina web compostelacultura.gal ou nos despachos de billetes: no do Teatro Principal en horario de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h, e no do Auditorio dende unha hora e media antes de cada evento. As entradas terán os descontos do 50% para os colectivos habituais.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial