En tempo de ventos, ciclo de outono da Banda Municipal de Santiago

0

Compostela, 3 de outubro do 2019 – A Banda Municipal de Música de Santiago ven de presentar o seu programa de outono baixo o nome de Tempo de ventos.

Xogando cos ventos de outono e os da Banda o ciclo da formación compostelana programa ata 15 concertos con colaboracións, concertos didácticos, galas líricas e a participación en Cineuropa.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta programación, que cualificou como “densa”, acompañada polo director, Casiano Mouriño, que dividiu as actuacións en ” sinfónicas, didácticas e con colaboracións”.

Banda Municipal de SantiagoEn tempos de ventos

O Ciclo de Outono arrincará este domingo, 6 de outubro, cun concerto no campo da festa de Marrozos, que servirá para homenaxear a asociación veciñal desta parroquia con motivo do seu 40 aniversario.

No apartado sinfónico destaca o concerto do domingo 20 de outubro coa colaboración de Gregori Nedobora, violinista da Real Filharmonía de Galicia. “Este concerto é un reto para a Banda, pola dificultade técnica que supón o Concerto para violín de Chaikovski” e pola propia novidade que supón incorporar un violín a un concerto dunha Banda.

Outro concerto destacado será o do domingo 27 de outubro, no que a Banda se suma ao 30 aniversario do Auditorio de Galicia. Neste espazo compartirán escenario as bandas municipais de Santiago, Padrón, Santa Cruz de Rivadulla e Teo. Xurxo Souto presentará este “pequeno festival”, en palabras de Casiano Mouriño.

A programación de outubro pecharase con dous concertos didácticos. O primeiro, o xoves 24, titulado “Animalia”, contará coas interpretacións de Josito Porto e Cristina Collazo, de A Cova das Letras. O segundo, tamén en colaboración con esta compañía, o mércores 30, servirá xuntar a música da Banda coa representación de “A gata con zocos”, da man de Cristina Collazo, Anxo García e Manuel Paino.

Cineuropa e Gala Lírica

Con novembro chegará unha nova edición de Cineuropa, festival co que colaborará un ano máis a banda. Será o domingo 10 cando a formación poña música a comedias do cine mudo de Harold Lloyd e Charles Chaplin.

Tamén este mes, o sábado 16, no Auditorio de Galicia, chega unha das colaboracións deste Ciclo de Outono, neste caso coa asociación Amigos da Ópera de Santiago. Trátase dunha Gala Lírica que servirá de homenaxe a Andrés Gaos e na que se estreará unha das obras do compositor galego, “Procesión”. No concerto, ademáis da Banda Municipal, participarán a soprano Alexandra Tarnicero e o Coro Liceo de Vilagarcía. Este mesmo concerto realizarase o venres 15 no Auditorio de Vilagarcía.

O calendario de novembro pecharase co concerto “Clásicos á galega”, no que se adaptaran para Banda varios temas tradicionais, coa participación de Suso Vaamonde como músico e narrador. Haberá dúas entregas didácticas no Auditorio de Galicia o martes 20 e o mércores 21, e un concerto aberto para todos os públicos, o domingo 24, no Teatro Principal.

Directores convidados e Concerto de Nadal

A parte sinfónica do Ciclo de Outono ten dúas citas importantes en decembro, no Teatro Principal, con directores convidados. O domingo 1, a Banda contara con Henrie Adams como director convidado no concerto “Ballets e danzas”, o 15 será Rafael Agulló quen dirixa a formación na actuación titulada “Made in USA”.

A programación deste ano 2019 pecharase co Concerto de Nadal (sábado 21) e coa participación nos actos da Ofrenda de Translación do Apóstolo (luns 30). Na primeira das actuacións, na igrexa de San Francisco, a Banda Municipal estará acompañada pola Escolanía e Coro Cardenal Quiroga da Catedral de Santiago.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial