O CDG retoma a actividade coa estrea de “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”

0

Compostela, 24 de xuño do 2020 – O Centro Dramático Galego (CDG) reabrirá as portas da súa sede do Salón Teatro, en Compostela, coa estrea de “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”.

O CDG volve abrir as portas o sábado 4 e o domingo 5 de xullo con este espectáculo de Verdeveras Expresións Artísticas inserido no programa de coproducións da compañía da Xunta de Galicia.

O Salón Teatro retoma así a súa actividade pública, que incorpora os protocolos hixiénico-sanitarios necesarios para garantir a seguridade dos espectadores e dos profesionais, seguindo as medidas de prevención necesarias. Neste sentido, a ocupación máxima do espazo redúcese ao 75% da súa capacidade e será obrigatorio o uso de máscara hixiénica, así como dos medios habilitados para a desinfección.

O CDG retoma a actividade coa estrea de "Crónica dunha heterosexual insatisfeita"Creado e interpretado por María Ángeles Iglesias, o espectáculo de Verdeveras xira arredor da vida dunha muller absolutamente normal que, diante do peso da rutina, decide dar un paso adiante e concretar unha fantasía. Con tal fin, buscará a complicidade do público, que será testemuño do seu gran momento.

Xunto con Iglesias, contribúen á posta en escena desta coprodución Octavio Mas, na escenografía e iluminación; Tato López, música orixinal; Anabell Gago, asistencia de dirección; Lorena Conde, deseño gráfico; Inés Salvado Gontad, fotografía; e Rebe Cierto, Xoana Almar, Raquel Germade, Cristina G. Cao e Alejandra Lorenzo, ilustración.

Residencia artística

O Salón Teatro recibirá o equipo deste espectáculo a partir do luns 29 para unha residencia artística durante a que desenvolverán os últimos ensaios previos á súa estrea pública da fin de semana.

Verdeveras Expresións Artísticas nace en 2010 en Santiago de Compostela da man de Tato López (músico-cantautor) e María Ángeles Iglesias (actriz). Crónica dunha heterosexual insatisfeita é o seu cuarto espectáculo, tras o debut en 2011 con Tacóns na corda e os posteriores Desalmad@s (2014) e o infantil Un lugar chamado mundo (2016).

As localidades para as dúas funcións da súa coprodución co CDG póñense á venda de xeito anticipado na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, o sábado, e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.

A sede da compañía pública acollerá a continuación a estadía artística do proxecto O raro é que bailar sexa raro, sexto solo da bailarina e coreógrafa Andrea Quintana, dentro do programa Residencias Paraíso, desenvolvido polo Colectivo RPM co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial