Decimo terceira edición do Certame Galego De Bandas Populares

0

Compostela, 31 de outubro do 2019 – A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza esta fin de semana en Santiago a décimo terceira edición do seu Certame Galego de Bandas de Música Populares.

Como en anos anteriores, a Consellería de Cultura e Turismo colabora no desenvolvemento no Certame de Bandas Populares. Esta edición será a máis numerosa e congregará no Auditorio de Galicia 1300 músicos de 21 formacións, das que 16 son galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León.

Certame de Bandas PopularesA presentación correu a cargo do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia. No acto tamén interviñeron a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, e o presidente da FGBMP, Iván Estévez. Asistiu tamén ao acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e unha representación das agrupacións que actuarán esta fin de semana en Santiago.  

A participación da Xunta nesta iniciativa enmárcase na liña de traballo conxunto que vén desenvolvendo desde hai anos canda a Federación, que actualmente está integrada por 93 bandas das catro provincias, superando os 7000 músicos asociados. Neta colaboración enmárcase igualmente o Concurso Galego de Composición para Bandas, que vai xa pola súa duodécima entrega, e mais o Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que se celebra cada ano na Cidade da Cultura.

Recoñecementos internacionais para Galicia

Respecto ao Certame Galego de Bandas, que será retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube, nesta 13ª edición avánzase nas novidades introducidas en 2018 para abrirse á participación de bandas doutros puntos da Península, neste caso procedentes de Benavente e de Portugal. Xunto con elas, unha importante representación galega dará conta do bo momento que están a vivir as bandas na nosa Comunidade e da súa proxección exterior, con recoñecementos como o recente primeiro premio obtido pola Banda de Música Municipal de Caldas de Reis no Certame Internacional de Bandas de Música Villa de Aranda ou o da Banda unión Musical de Meaño no Concurso Bandístico Internacional Rival da Garda, en Italia.

Así mesmo, continuarase coa distinción instaurada o ano pasado para premiar o mellor director do certame, en colaboración coa Escola Galega de Dirección de Banda, e mais coa última estrutura da competición clasificada en cinco seccións: infantil, xuvenil, primeira, segunda e terceira.

Os mestres Frank de Vuyst, Laurence Roman e Luis Serrano Alarcón son os integrantes do xurado, que dará a coñecer o nome das formacións gañadoras durante o acto de clausura do domingo. Concederanse tres premios para cada unha das categorías, con diferentes dotacións que suman 23.475 euros, e tamén se poderá outorgar en cada sección (agás na infantil) un recoñecemento económico á mellor interpretación dunha obra galega.

XII Concurso Galego de Composición

Entre as obras de autoría galega de obrigada interpretación, están as premiadas o ano pasado no Concurso Galego de Composición, do mesmo xeito que as gañadoras da actual edición –que se anunciarán igualmente durante a cerimonia de clausura– serán estreadas e executadas no Certame de Bandas de Música de 2020.

Coa organización destes premios de composición, a FGBMP busca cubrir a escaseza de pezas galegas para seren interpretadas especificamente por este tipo de agrupacións, dispoñendo xa dun amplo catálogo para a súa progresiva incorporación por parte das bandas federadas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial