A Xunta de Goberno de Compostela aproba solicitar a cesión do Multiusos Fontes do Sar

0

Compostela, 13 de xaneiro do 2018 – A Xunta de Goberno acordou solicitarlle ao Consorcio de Santiago a cesión gratuíta das instalacións do complexo deportivo Fontes do Sar a favor do Concello, por un prazo de 30 anos.

O alcalde lembrou que o titular do complexo Fontes do Sar é do Consorcio, que no ano 2000 encomendoulle a xestión das instalacións ao Concello. Esa encomenda canalizouse a través da sociedade mixta Xade, que na actualidade ten maioría privada.

Martiño Noriega explicou que esta situación dificulta a renovación das instalacións, porque “o Consorcio non asume as actuacións ao ter feita a encomenda de xestión, e Xade tampouco porque existe unha limitación temporal na súa responsabilidade no complexo”. A cesión de uso suporía que o Concello “recuperaría autonomía sobre o Fontes do Sar e podería definir o seu modelo de xestión a máis longo prazo”.

O alcalde mostrou o seu desexo de que a cesión do complexo deportivo en favor do Concello quede resolta ao longo deste ano, e incidiu en que “esta posibilidade xa foi analizada no seno do Consorcio, que mostrou a súa disposición a asumir a proposta, se ben hai que agardar á tramitación por parte do Goberno central”.

Liñas de autobús

A Xunta de Goberno tamén acordou prorrogar os contratos con tres empresas de transporte colectivo de viaxeiros para a xestión de cadansúa liña. Así, prorrogáronse os contratos asinados con Autos Gravanxa para a liña que comunica o Polígono do Tambre coa rúa da Rosa; con Autos Carballo, para a liña que une o centro de Santiago coa Peregrina e con extensións a Ponte Alvar; e con Hermanos Ferrín S.L, para a liña que comunica o centro de Compostela con Reborido. En todos os casos, a prórroga é dun ano, a contar dende o 1 de xaneiro de 2018 ata o 31 de decembro de 2018.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies