A Xeración Nós protagonizará no Gaias unha exposición con máis de 300 pezas

0

Compostela, 22 de xuño do 2020 – A exposición Galicia, de Nós a nós reunirá en outubro na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós.

En outono conmemórase o centenario da publicación da revista Nós que daría nome a toda unha xeración. Con ese motivo chegarán a Galicia obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores. Trátase de destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

Galicia de Nós a nós será a segunda gran exposición do Xacobeo 2021, tras Galicia, un relato no mundo, e inaugurarase a comezos do mes de outubro, despois de que tivese que ser reprogramada a data inicial, prevista para esta primavera, polos efectos da crise sanitaria da covid-19. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participaron nunha reunión de traballo cos comisarios da exposición, o investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña, e coa directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo.

Na reunión foi presentada tamén a imaxe gráfica da exposición, realizada por Álvaro Valiño, un deseño que contribuirá ao obxectivo da mostra de refrescar e actualizar a imaxe e relevancia de figuras como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, coa ollada posta no público xeral e especialmente nas xeracións más novas. Deseñador gráfico, infografista e ilustrador, Valiño ten colaborado con publicacións como National Geographic, The Washington Post ou The Guardian. O seu traballo foi recoñecido con máis de 30 premios Malofiej, o galardón máis prestixioso da infografía xornalística.

A Xeración Nós protagonizará no Gaias unha exposición con máis de 300 pezasProxecto de país

Con Galicia, de Nós a nós, a Xunta contribúe tamén a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades, especialmente galegas. En conxunto ceden obra para a exposición un total de 51 institucións, catro delas internacionais, dúas do resto de España e as restantes 45 de Galicia, e 8 prestadores privados. Entre as institucións galegas que contribúen á exposición atópanse a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial e Arqueolóxico de Ourense, as fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Penzol, as tres universidades galegas, o Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense ou a Catedral de Ourense, a Biblioteca de Galicia, entre outras.

Ademais, Galicia, de Nós a nós, tralo seu paso pola Cidade da Cultura, onde se poderá visitar entre o 2 de outubro de 2020 e o 17 de xaneiro de 2021, poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), entre febreiro e abril de 2021, e no Museo de Pontevedra entre maio e xullo de 2021.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial