O Consorcio axiliza o programa de axudas ao comercio

0

Compostela, 13 de maio do 2020 – O Consorcio de Santiago axiliza o programa Localízate, de axudas ao comercio, para paliar a crise derivada do Covid19.

Este ano se destinarán un total de 35.000 euros á rehabilitación dos locais comerciais da cidade histórica a través de Localízate. As solicitudes e a documentación poderán presentarse no rexistro do Consorcio, situado no número 59 da rúa do Vilar, ou en calquera outro rexistro. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 12 de xuño.

Con motivo do estado de alarma, momento no que as bases desta convocatoria de axudas estaban sen publicar, interrompéronse os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. No Real Decreto 465/2020, de 17 de marzo, establécese que as entidades do sector público poderán acordar a continuación daqueles procedementos administrativos que se refiran a situacións estreitamente vencelladas ao estado de alarma ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos. O Consorcio xustificou o desbloqueamento dos prazos administrativos do Programa Localízate en base á “urxencia que teñen os comerciantes por adaptar os seus locais ás esixencias da nova normalidade”.

O Consorcio axiliza o programa de axudas ao comercio

Reformas subvencionadas polo Consorcio

Con seguridade sanitaria

Dende o Consorcio salientan que “a declaración do estado de alarma derivado da crise sanitaria global desatada polo COVID-19 tivo como consecuencia un desplome fulminante da actividade comercial e económica, coa consecuente perda de empregos. Para retomar con seguridade sanitaria moitas das actividades comerciais, boa parte dos locais e dependencias deberán ser debidamente adaptados con instalacións de separación de persoas e bens, de distanciamento persoal, mecanismos permanentes de desinfección, definición de novos itinerarios de entrada e saída… Estas subvencións permiten acometer os investimentos derivados destas adaptacións, supoñendo un aforro aos promotores, esencial no contexto de perda e merma de actividade”.

Reformas subvencionadas polo Consorcio

Reformas subvencionadas polo Consorcio

“As actividades de servizos (de formación, culturais, sanitarios, deportivos…), os talleres artesanais e o comercio de proximidade son o motor da actividade económica e sen a súa participación activa na vida cotiá ningunha política de rehabilitación sería válida”, sinalan desde o Consorcio.

Esta liña de axudas incentiva a rehabilitación dos establecementos da cidade histórica, a mellora da súa accesibilidade, da súa eficiencia enerxética, da súa imaxe exterior e o seu acondicionamento interior, xunto a obras de acondicionamento acústico. Inclúense os honorarios de redacción do proxecto e a dirección técnica da obra. A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago encargarase de redactar a documentación técnica no caso das obras de pequena entidade.

Requisitos para acceder ás axudas

Para acollerse a estas axudas, os locais deben ter condicións suficientes de seguridade estrutural e estanquidade fronte á chuvia. O edificio no que se localice o establecemento deberá ter unha antigüidade superior a 20 anos; ademais de estar en planta baixa, semisoto ou primeiro soto e ter fachada á vía pública.

O local debe estar destinado ou destinarse a algún dos seguintes usos regulados na Normativa Urbanística do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago: comercial, oficinas, actividades industriais e talleres de artesanía compatibles coa vivenda, docente, sanitario, asistencial, sociocultural ou deportivo.

En relación ao uso comercial dos locais, subvencionarase o comercio polo miúdo de froitas e verduras, carnes e peixes; pan, pastelería e similares; leite e produtos lácteos; bebidas e produtos alimenticios; téxtiles e calzado; droguería, cosmética, limpeza e pinturas; artigos de hixiene e aseo persoal; herbolarios; artigos para o equipamento do fogar e a construción; accesorios e pezas de reposto para vehículos, maquinaria; mobles e enseres domésticos; instrumentos musicais; mobles e equipamentos de oficina; aparatos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos; libros, xornais e artigos de papelería, debuxo e belas artes; xoiería; xoguetes, deportes, plantas, pequenos animais e reparación de artigos eléctricos para o fogar.

Valorarase a apertura de novos locais actualmente sen uso e a repercusión da actividade da empresa no desenvolvemento do tecido económico local. O orzamento mínimo subvencionable será de 600 € e o máximo de 30.000 €. A contía da axuda acadará o 40 % do orzamento aceptado.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial