Preocupación pola adxudicación dos comedores escolares de Santiago

0

Compostela, 2 de outubro do 2019 – A portavoz do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, mostrou a súa preocupación polo proceso de contratación do servizo de comedores escolares da cidade.

Goretti dixo que os comedores escolares requiren “unha resposta máis áxil, eficiente e decidida por parte do Goberno municipal, aínda que os problemas proveñan do anterior”. A voceira nacionalista emprazou ao goberno a que en 15 días se convoque o Consello Municipal de Educación.

Sobre o prego de contratación destacou que “estaba feito para un xigante empresarial, para unha grande empresa”, cando a concelleira de Educación puido introducir mudanzas substanciais no prego para incluír as demandas das ANPAs que impedisen a situación actual. “Desde o BNG xa criticamos este último prego, porque era un parche non suficiente no que se refire aos 150 quilómetros aos que poden estar as cociñas, produtos de proximidade, frescos e cociñados nas inmediacións da contorna educativa”, ademais de non incorporar a oferta por lotes como se fai noutros sitios; por proximidades xeográfica de dous ou tres colexios ou por especialización de funcións, para diferenciar a elaboración e distribución de alimentos das funcións educativas e de monitoraxe. “Iso favorecería que houbese pequenas e medianas empresas do ámbito comarcal que puidesen acceder a estes concursos e dinamizar a economía local”, engadiu Goretti Sanmartín.

Segundo explicou, só se presentou unha única empresa que foi “alimentación Saludable Gallega” que baixo esa denominación oculta o administrador único de Serunión, “a mesma que trouxo numerosos problemas coa comunidade educativa nos últimos tempos e que tivo numerosos incumprimentos e reclamacións por parte de nais e pais de familias polo catering nas condicións que ofrece”, explicou.

Para o BNG, isto require a reunión urxente do Consello Municipal de Educación que a propia concelleira anunciou nunhas xornadas sobre comedores escolares que ía convocar para o mes de setembro, “mais estamos en outubro e non sabemos nada desa convocatoria”. Deste xeito, esixiu que se convoque nos próximos días e, no caso de non facelo, o propio BNG reunirase con integrantes dese Consello Municipal de Educación para trasladarlles a preocupación para tratar este tema.

Postura municipal

A concelleira socialista Noa Díaz respondeu aos xornalistas sobre este tema que “é un proceso aberto sobre o que non podo avanzar nada”. Recoñeceu que só se presentara unha empresa e que pasara a primeira fase do procedemento pero que faltaban informes por ser emitidos polo que en este momento non había novidades que comentar.

Díaz si dixo que esta contratación non puido incorporar todo o desexado pola urxencia de sacala adiante. Unha adxudicación que será por un ano máis outro de prórroga que, según recoñeceu a concelleira, espera non ter que usar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial