Compostela adxudica o contrato de mantemento (audio)

0

A xunta de goberno de Santiago de Compostela celebrou a xunta de goberno semanal

xunta goberno compostela 8 octubre 2016Santiago de Compostela, 08/10/2016 –  A Xunta de Goberno adxudicou hoxe o gran contrato de mantemento, que permitirá “darlle estabilidade ás obras de conservación e reparación de pavimentos, e actuar de maneira case instantánea cando se detecte algunha deficiencia”. O alcalde, Martiño Noriega, deu conta do acordo, que suporá un investimento anual de 1,2 millóns de euros e que “evitará ter que írmonos a continuas licitacións, que atrasan actuacións importantes”.


O contrato estaba distribuído en tres lotes, e nos tres casos a empresa que acadou maior puntuación foi Obras y Viales de Galicia, S.L. O primeiro lote inclúe actuacións no ámbito do Plan Especial da cidade histórica, excluído o recinto intramuros, e conta cun orzamento de 72.600 euros para este ano, e de 152.400 euros para 2017. Dentro do segundo lote atenderase o ámbito urbano e periurbano, excluído o do Plan Especial, e as partidas habilitadas serán de 148.800 euros para 2016, e 551.200 euros para 2017. Por último, no terceiro lote inclúense as actuacións no ámbito de medio rural, cun orzamento de 72.600 euros para 2016 e de 202.400 para 2017.

O alcalde explicou que o contrato poderá ser formalizado nun prazo de dúas semanas, e a partir de aí empezarán as obras de mantemento. Martiño Noriega lembrou que a día de hoxe estanse realizando traballos de reparación, cos contratos que foron licitados ao longo do verán. En concreto, está en vigor un contrato licitado por algo máis de 60.000 euros, que permitirá a eliminación de 40 fochancas detectadas a través de informes de incidencias da Policía Local e da notificacións a través da aplicación Liña Verde. Xa se actuou en zonas como Amio ou San Lázaro, e están previstas reparacións no Castiñeiriño, a Muíña, Tras Santa Clara ou o Pombal.

ORA e guindastre 
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta do informe do director xerente da empresa Tussa sobre a viabilidade da xestión directa da ORA e do guindastre. O alcalde explicou que o seguinte paso é levar o asunto a pleno, que será quen decida sobre a municipalización. Martiño Noriega sinalou que o prazo depende “do tempo que precisen o secretario e a interventora para elaborar os informes sobre a municipalización, que son informes complexos”. En todo caso, descartou que poida ser no pleno ordinario deste mes de outubro.

Convenios e outros acordos 
A proposta da concelleira delegada de Políticas Sociais, a Xunta de Goberno aprobou hoxe cadanseu convenio coa Fundación Secretariado Xitano, por un importe de 23.000 euros; e co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por 18.000 euros.

A Xunta de Goberno tamén aprobou un protocolo de colaboración para a organización do programa Youtubeir@s, que terá como obxectivo incrementar o uso do galego no ámbito de Internet. Neste proxecto participan os concellos de Santiago, A Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Teo e O Grove; e as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo. No eido da lingua, tamén se aprobou a adhesión do Concello de Santiago, como membro observador da Unión das Cidades Capitais da Lingua Portuguesa, a UCCLA.

Por último, a Xunta de Goberno outorgou as autorizacións de uso das 39 hortas urbanas municipais de Belvís.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial