Bonos de compra para os máis vulnerables

0

Compostela, 26 de marzo do 2020 – A Xunta de Goberno de Santiago ratificou os bonos de subministración de produtos de alimentación e de hixiene básica con varios supermercados da cidade.

As familias que o precisen poden facer uso destes bonos especiais de compra nos establecementos adheridos a esta campaña de emerxencia, que estarán debidamente identificados. As persoas que o precisen poden obter estes tíckets chamando ao teléfono 010.

O Concello xa subscribiu estes acordos coas empresas Alcampo, Día, Froiz, Gadis, El Corte Inglés e Vego-Eroski, pero continúanse as conversas con outras firmas para que tamén se poidan incorporar a esta modalidade de subministración.

Bonos de compra para os máis vulnerables

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, mantén o cartaz que se poderá ver nas tendas adheridas á campaña de bonos

O Concello tamén quere que se incorporen a este sistema establecementos máis pequenos de barrio, polo que se está a buscar unha fórmula para eles, en base a un pago anticipado, de xeito que poidan presentar facturas diarias ou semanalmente, que lles serían abonadas sen esperar á tramitación. Nas cadeas de supermercados a liquidación realizarase mensualmente.

Para o alcalde, con estes establecementos e con algún máis que se poida incorporar, “está cuberto un ámbito bastante amplo, sobre todo no ámbito urbano, pero esperamos tamén que se incorporen barrios e parroquias do rural”, porque “o obxectivo é ofrecer as maiores facilidades aos/ás usuarios/as”.

Tamén anunciou o alcalde que o Concello procedeu a abrir unha conta inicial de 6.000 euros para a adquisición de medicamentos para persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.

Servizos de emerxencia

Na Xunta de Goberno extraordinaria tamén se ratificaron outras contratacións relacionadas coa crise sanitaria do Coronavirus, como a do servizo de seguridade nas habitacións alugadas no Seminario Menor, por un importe de 17,91 euros/hora; o servizo desinfección de instalacións municipais, por 35.690 euros; o servizo de desinfección e limpeza de vehículos municipais, por 24,20 euros por vehículo, ou o servizo de desinfección da Praza de Abastos, por 4.325 euros (todas estas cantidades co IVE incluído). A propósito desta última, o alcalde indicou que a desinfección de todas as naves se realizou esta pasada noite.

O Goberno local tamén aprobou a adquisición de 2.000 pares de luvas, que serán destinadas a Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e outros servizos municipais. A propósito desta cuestión dos materiais e a unha pregunta dunha xornalista, Sánchez Bugallo recoñeceu que “todos nos movemos con enorme precariedade de medios, pero nestes momentos dispoñemos de guantes, traxes de protección -non son o modelo recomendado de EPI, pero sérvenos-, e dispoñemos de máscaras de respiración”. Explicou que “unha parte do material conseguímolo como puidemos e por onde puidemos, non de ningunha administración, senón a partir de axuda privada, médicos, comunidade chinesa… e noutros casos comprándoo”. Apuntou que está previsto recibir o venres 4.300 máscaras.

Continuidade de servizos

A XGL tamén deu ordes de continuidade para varios servizos: mantemento do Castelo da Rocha, servizo de axuda no fogar, mantemento e reparación de instalacións térmicas do Concello, prevención de riscos laborais, actualización do catastro, asesoramento e actualización na inspección fiscal, radiocomunicación trunking de voz e datos, conservación e nova implantación de sinalización horizontal e vertical, e execución de obras diversas de conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viarios.

“Con estas validacións xa está garantida a continuidade de máis do 90% dos contratos, asegurándonos así que os cidadáns sigan recibindo estes servizos e ao tempo o mantemento do emprego. Unicamente queda unha pequena porcentaxe pendente que se está axustando cos respectivos servizos municipais”.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial