Compostela defende con convenios a música en vivo

0

Compostela, 21 de xuño do 2018 – Despois de enviar as propostas a Xunta para o novo catalogo de espectáculo o goberno de Compostela firma convenios que garantan a música en vivo este verán.

 

Despois dun período de estudo, e a espera do novo catálogo de espectáculos de Galicia que terá que definir polo miúdo as actividades dos establecementos, o concello de Santiago firma acordos coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito para permitir a música en vivo durante o período de vixencia do acordo. Na rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, explicaba que “os establecementos de hostalería son en Santiago espazos para a divulgación artística e constitúen unha plataforma cultural de grande importancia para a cidade. O apoio á actividade empresarial, nomeadamente turística, xera beneficios ao conxunto da cidade en termos económicos e de creación de emprego”.

Indefinición xurídica

Branca Novoneyra lembrou que “un dos eixos centrais desa normativa complementaria é o Catálogo de espectáculos públicos e de actividades recreativas e de lecer, que debe deseñar a Xunta de Galicia e para a que o Goberno local ten feito xa as súas achegas”. O Concello enviou propostas para que as actividades musicais en vivo sexan obxecto de especial consideración para facilitar o seu desenvolvemento como manifestación cultural, e con independencia do tipo concreto de establecemento do que se trate. A concelleira reiterou que “a única limitación para a celebración de actuacións de música ao vivo debera ser o respecto ás normativas en materia de seguridade e de protección contra a contaminación acústica”.

Memoria de actividades

O convenio entre o Concello e as asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito sinala que o Concello “velará para que as actividades se desenvolvan cumprindo a normativa vixente”. Para iso, as actividades culturais nas que se empreguen equipos de amplificación de son non se estenderán mais alá da 1.00 horas nos venres e sábados, nin das 24.00 horas os demais días da semana. No caso das actividades que non empreguen amplificación, terán o mesmo horario permitido que o local. Pola súa parte, as asociacións comprométense a evitar molestias á veciñanza, impulsando campañas de concienciación e evitando aglomeracións e ruídos na vía pública durante os eventos. Os convenios inclúen cadanseu anexo de actividades, nos que figuran as propostas de accións das asociacións para o período de vixencia dos acordos, nos meses de xullo e agosto.

Capital cultural

Dende o a asociación Cidade Vella, Manuel Rodríguez reiterou que “imos seguir defendendo o xeito que temos de traballar en Santiago dende hai décadas, para promocionar a artistas que comezan ou que non atopan grandes oportunidades para mostrar o seu talento”. Nesa liña, reclamou que a lei autonómica “recolla a peculiaridade de cada cidade, porque Santiago como capital cultural ten características e problemáticas que non se dan noutros puntos de Galicia”.

Pola súa banda, Laura Rey, de Tempo con Xeito, asegurou que “os locais de hostalería do Ensanche non estamos recibindo ningunha denuncia nin queixas por problemas de convivencia. Nós mesmos somos veciños e veciñas da zona, e queremos durmir tranquilos”. Para ela, estes convenios “axudan a que a nosa cidade sexa grande, porque a actividade cultural é un atractivo máis de Compostela”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial