Denuncian recortes polo traslado da unidade de coidados paliativos

0

Compostela, 20 de setembro do 2019 –  A Comisión Especializada convocou onte unha concentración diante do Hospital Gil Casares para denunciar que co traslado da unidade de paliativos para o Hospital Provincial perderanse camas e haberá unha afectación do persoal.

As organizacións sindicais que conforman a comisión advertiron de que o que se pretende “é externalizar doentes coa hospitalización a domicilio” e denunciaron que mesmo falta o informe de avaliación de riscos da unidade de paliativos no novo emprazamento no hospital de Conxo.

María Cortés Ayaso, Presidenta da Comisión de Centro de Especializada de Santiago, explicou que a Xerencia obviou dar información previa ao persoal do servizo que se verá afectado, tal e como é preceptivo na normativa. Cortés Ayaso explicou tamén que o ano pasado esta unidade de UME-Paliativos, xa sufriu unha restruturación “Con esa restruturación, de 35 camas operativas pasouse a 20 e desapareceron 15, pero agora, coa nova restruturación, o servizo de paliativos do hospital de Conxo vai contar con 19, unha menos que no Gil Casares”.

A Presidente da Comisión lembrou que antes o servizo de Medicina Interna contaba con 131 camas, das que 89 estaban habilitadas e 42 estaban inhabilitadas ou con inactividade estrutural e que a Xerencia di agora que Medicina Interna vai contar con 112 camas, “é dicir, o resultado de restarlle 19 camas a esas 131”.

“Externalizar doentes”

Cortés Ayaso denunciou que o que se pretende “é externalizar doentes e implicar máis o servizo de hospitalización a domicilio (HADO), contando coa colaboración de Atención Primaria e dos Puntos de Atención Continuada”.

Unha externalización para a que a Xerencia tampouco xustificou “nin os recursos humanos nin os medios materiais necesarios para garantir a continuidade da asistencia ás/aos doentes”, máis cando o servizo de HADO na área sanitaria de Compostela se ampliou á zona de Lalín.

Prevención de riscos

A Comisión de Centro Especializada denunciou, canda isto, que a día 11 de setembro, a Xerencia “foi incapaz de presentarnos un informe realizado pola unidade de prevención de riscos laborais  para garantir as condicións de traballo e seguridade das e dos profesionais  e garantir unha atención individualizada, continua e cunhas instalacións que proporcionen confort e comodidade tanto a doentes como a familiares”.

Entenden que a Xerencia pode organizar e estruturar os servizos da forma que consideren que son máis eficaces, mais tamén afirman que non é de recibo que, a día de hoxe, non se dera resposta á súa demanda de información relativa a prevención de riscos.

Un informe no que, lembraron, ten que figurar “se as habitacións cumpren a normativa (mobiliriario do enfermo e familia; aseos: medidas do habitáculo e porta, algúns con bañeiras, outros con pratos de duchas…) e onde se recolla se os postos de traballo cumpren a normativa (despachos: médicas/os; psicólogas/os; supervisoras/es; secretarias/os; sala de dor…)” e polo que aínda agardan.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial