Día Internacional das Rapazas nas TIC

0

Compostela, 23 de abril do 2020 – O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade, a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL celebran o Día Internacional das Rapazas nas TIC.

Entre as once e as doce celebrarase un coloquio virtual entre catro galegas que traballan coas TIC e escolares. O Día Internacional das Rapazas nas TIC ten como obxectivo promover vocacións tecnolóxicas femininas.

 Patricia Argerey, directora da Axencia Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, será a encargada de dar a benvida aos participanetes e o acto será presidido pola secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Este ano, debido á situación de estado de alarma pola pandemia do COVID-19, organizarase dunha maneira diferente mediante multiconferencia web. Será unha gran oportunidade para coñecer a catro protagonistas que contarán, en primeira persoa, o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos e todas. O alumnado terá a oportunidade de preguntar e consultar calquera dúbida sobre o seu traballo. Participarán catro mulleres galegas excepcionais que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas:

Día Internacional das Rapazas nas TIC

Amparo Alonso

Amparo Alonso Betanzos é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA). Dirixe o grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial) que obtivo recoñecemento e premios internacionais polo seu traballo en Intelixencia Artificial aplicada a diferentes ámbitos.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

María Fernández Hermida

María Fernández Hermida é unha artista dixital galega da industria dos videoxogos. Traballou no Estudio Gato Salvaje na creación de contornos 3D e guións para xogos. Desde hai tres anos é «Women in Games Ambasssador» (embaixadora das mulleres no videoxogo), unha organización que promove os videoxogos como unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

Isabel Expósito

Isabel Expósito Pérez é enxeñeira en Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVigo), na especialidade de comunicacións de radio. Traballa como técnica do laboratorio Antelia, que pertence ao grupo de investigación Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. O grupo Sistemas Radio é un dos que conforman o centro AtlantTIC, un centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da UVigo.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

Patricia Mañana

Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Ten máis de 20 anos de experiencia en escavacións arqueolóxicas, nas que estivo aplicando durante máis dez anos novas tecnoloxías á documentación patrimonial, como fotogrametría e escáneres de múltiples tipos, 3D, estacións totais, GPS, escáner de luz estruturada, láser de curto alcance e terrestre, etc.

Pódese seguir e difundir toda a información do evento e das actividades na web https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/dia-rapazas-nas-tic/ e no seu Twitter @ICTGoGirls.

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as TIC para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial