Compostela e Xunta asinarán un convenio para a mellora do Camiño Inglés no Polígono do Tambre

0

Compostela, 18 de abril do 2018 – O Concello de Santiago e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda asinará un convenio de colaboración previo á licitación das obras de mellora do Camiño Inglés no tramo do Polígono do Tambre.

A mellora no Polígono do Tambre está enmarcada no Protocolo de Colaboración para a Mellora e Integración Paisaxística das Entradas dos Camiños de Santiago, e suporá un investimento de 1,6 millóns de euros. O obxectivo é iniciar a licitación do proxecto no mes de xuño. O alcalde, Martiño Noriega, participou na comisión de seguimento do mencionado Protocolo, que estivo presidida pola conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez. Tamén participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte. A xuntanza tiña como obxectivo avaliar a marcha das actuacións previstas no protocolo para a posta en valor das rutas xacobeas na súa entrada en Santiago.

Camiño Inglés

Na Comisión de Seguimento púxose de manifesto que os proxectos máis avanzados son os que afectan ao Camiño Inglés, a través do Polígono do Tambre e fronte ao cemiterio de Boisaca. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda explicou que “para responder ás necesidades dos peregrinos optouse por ampliar o ámbito de actuación ata o cruce de Meixonfrío, cun proxecto que prevé un itinerario cun ancho mínimo de tres metros”. O alcalde, Martiño Noriega, recoñeceu que “deste xeito responderemos ás necesidades dos peregrinos que discorren polo Camiño Inglés, pero tamén se mellorará a conexión entre o cemiterio de Boisaca e o tanatorio”.

O inicio da licitación do proxecto require a sinatura dun convenio previo entre o Concello e a Xunta, no que se concretarán os compromisos de cada administración en relación á obra. Segundo explicou o alcalde, “o Concello será o responsable de financiar as expropiacións necesarias para a actuación, así como a reposición dos servizos que se vexan afectados polas obras”. O orzamento previsto para o proxecto é de 1,6 millóns de euros, e o obxectivo é que o inicio da licitación se produza no mes de xuño.

Outros Camiños

O Protocolo de Colaboración para a Mellora e Integración Paisaxística das Entradas dos Camiños de Santiago tamén contempla actuacións no Camiño Portugués, ao seu paso por Conxo, e no Camiño Francés, á altura da actual estación de autobuses. Nos dous casos estase a traballar nos proxectos, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda manifestou o seu compromiso de que ese traballo estea rematado en torno ao verán. En total, serán sete proxectos construtivos aos que se destinarán unha cifra global de máis de cinco millóns de euros.

Ethel Vázquez e Martiño Noriega mostráronse convencidos de que os traballos vinculados ao Protocolo marchan a bo ritmo, de forma que se cumprirá o obxectivo de que as entradas dos Camiños de Santiago no termo municipal “presentarán unha imaxe única e unha mesma identidade” de cara ao Ano Santo de 2021.

Á marxe do Protocolo coa Xunta, o Concello ten en marcha actuacións para a mellora da entrada da Vía da Prata en Compostela. Entre elas atópase a rexeneración do viario entre Ponte Marzán e Cruceiro de Sar, cun investimento de 600.000 euros, e a reurbanización de Castrón Douro, á que na primeira fase se destinará 1,5 millóns de euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial