Curtocircuito mostrará o derrubo do edificio Castromil

0

Compostela, 20 de setembro do 2019 – Onte era presentada a 16º edición de Curtocircuito que mostrará un fito histórico para Compostela: o derrubo do edificio Castromil.

Será no marco da homenaxe que o Cineclube de Compostela e o propio Curtocircuito lle dedican a Euloxio R. Ruibal e ao Equipo Lupa, pioneiros no cinema amateur en Galicia. A recuperación, 40 anos despois, de estas películas permitirá ver en pantalla grande un feito que en 1975 cambiou non só a fisonomía da cidade se non tamén a súa historia.

O lado máis internacional

Na presentación estiveron presentes  o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o deputado provincial delegado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o director de Curtocircuíto Pela del Álamo.

Pela del Alamo director de Curtocircuito

Pela del Alamo director de Curtocircuito

Foi o responsable do festival o encargado de detallar a sección oficial e os diferentes focos, que deixan ver o lado máis internacional de Curtocircuíto. As retrospectivas desta edición traerán a Santiago a figuras coma o cineasta e teórico austríaco Peter Tscherkassky , a quen o festival lle dedicará unha retrospectiva que se proxectará integramente en celuloide; ao fotógrafo e ensaísta Joan Fontcuberta, quen programará unha Carta Branca e impartirá unha clase maxistral; e á artista e cineasta franco-colombiana Laura Huertas Millán, quen protagonizará a sección Púlsar para revisar a obra completa desta creadora nun dos primeiros focos que se realizan en España sobre o seu traballo.

A heteroxeneidade e a novidade serán ademais os aspectos predominantes dos máis de 130 filmes que compoñen a programación cinematográfica do festival, cunha Sección Oficial que aglutinará en Radar e Explora 38 películas de 22 países. Este ano, a sección reúne unha serie de filmes que apostan pola creación de novas realidades visuais que exceden ao propio cinema, e que reflexionan sobre grandes conceptos como o feminismo ou o colonialismo. Sumadas ás outras seccións competitivas –Penínsulas e Planeta GZ-, Curtocircuíto 2019 terá un total de 57 filmes a competición, dos cales 34 son estreas en Galicia ou España.

Cartel CurtocircuitoAlén disto, o festival deseñou para esta edición varias sesión especiais: Kevin B. Lee x Harun Farocki, que combina os ensaios en vídeo do propio Kevin B. Lee con obras clave que abarcan a carreira de cinco décadas de Farocki; Filmmakers x Filmmakers, un espazo para o comentario, a análise e a reflexión da obra de autores consagrados vistos polos seus colegas de profesión; e Carole Roussopoulos: a cámara como signo de loita, un foco que, no décimo aniversario do seu pasamento, celebrará a herdanza da cineasta cunha coidada selección da súa extensa obra.

Un xurado heteroxéneo

Curtocircuíto fixo públicos tamén os seus xurados, que recollen o carácter interdisciplinario do festival. Deste xeito, hai por unha banda figuras relevantes do mundo da programación como Paolo Bertolin, programador do Festival Internacional de Cine de Venecia e da Quinzaine des Réalisateurs do Festival de Cannes; Mercedes Martínez, membro do comité de programación do Festival Internacional de Cine de Rotterdam; ou Ana David, programadora na sección Panorama da Berlinale e no IndieLisboa. Tamén cineastas como Kevin B. Lee, e as directoras Eve Heller e Laura Huertas Millán, que forman o xurado Explora xunto á cineasta Rocío Mesa, que ademais é directora de L.A. OLA – Spanish Contemporary Cinema Showcase, en California. Outros artistas que valorarán os filmes de Planeta GZ e Penínsulas, serán os fotógrafos Nicolás Combarro e Lúa Ribeira.

O audiovisual galego como un dos eixos

A atención ás novas tendencias internacionais ten en Curtocircuíto 2019 o seu necesario balance coa posta en valor do cinema galego e a identidade e memoria da cidade. Deste xeito, o festival artella gran parte das súas seccións arredor da produción cinematográfica que nos toca máis de preto. Mentres que Curmaos, organizada en colaboración co Instituto Camões, recolle filmes da lusofonía coa finalidade de potenciar a fraternidade entre Galicia e Portugal e ratificar a fortaleza da Euro-rexión Atlántica en materia cultural; na sección competitiva Planeta GZ séguese apostando por unha visión crítica da realidade que atopa na experimentación novos camiños para expresarse; o fotógrafo vigués Nacho Alonso será o protagonista da sección Terra, o espazo do festival reservado para poñer o valor dunha figura galega de prestixio; e finalmente Supernova volverá acoller as primeiras obras de dez creadores e creadoras do país.

Curtocircuíto acollerá tamén unha das preestreas galegas de O que arde, o último filme de Oliver Laxe, nunha sesión especial que contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme. O que arde fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial – Un Certain Regard de Cannes, o Premio á Mellor Creación Sonora da sección, e vén de converterse nun dos catro filmes españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo.

Concertos e performances A/V

Blixa Bargeld (Berlín Occidental, 1959) visitará Galicia por primeira vez en solitario. O alemán, figura imprescindible na música europea das últimas catro décadas e coñecido polo seu traballo en bandas como Einstürzende Neubauten e Nick Cave & The Bad Seeds, ofrecerá unha performance vocal en Curtocircuíto o sábado 5 de outubro.

Á performance de Blixa súmanselle o live A/V do compositor e produtor inglés Vessel xunto ao cineasta portugués Pedro Maia; Ballistics, da canadense Myriam Bleau; RŪGA, colaboración entre a artista visual Marta Verde, o creador sonoro Artur M. Puga e o coreógrafo e investigador Javier Martín comisariada por Curtocircuíto; e os concertos de Trifulca e Mundo Prestigio.

Puntos de encontro e formación para todos os públicos

Ademais destas seccións, Curtocircuíto presenta tamén varios puntos de encontro en colaboración con diversas asociacións do sector audiovisual. Deste xeito, CREA (Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia), AGAG (Asociación Galega Sindical de Guionistas) e Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema) estarán presentes nesta edición do festival para debater arredor de temas como os distintos procesos de escritura cos que se aborda unha obra de carácter experimental ou a programación interdisciplinaria de festivais de cinema.

No festival xuntaranse tamén catro fotógrafos galegos que, dunha forma ou doutra, teñen alternado o traballo fotográfico co audiovisual. Lúa Ribeira, terceira española da historia nomeada para ser membro da axencia Magnum; Nicolás Combarro, primeiro galego en ter unha exposición individual na Maison Européenne de la Photographie de París; Iván Nespereira, gañador do premio PhotoEspaña a Mellor Fotolibro Autoeditado 2018, e Nacho Alonso, probablemente o autor galego máis interesante da súa xeración e paradigma do artista á marxe dos circuítos de exhibición, dialogarán sobre os seus procesos, os seus medos e os seus achados.

Curtocirtuíto segue a apostar pola formación e as actividades educativas para todas as idades: nesta edición contarase coas habituais seccións #OutraCompostela (na que estudantes da USC realizarán pezas inspiradas na obra dun cineasta) e Canteiras, para alumnado de Secundaria. A maiores, a rapazada tamén será o centro de dúas seccións do festival: Criaturas (para nenos e nenas de 6 a 10 anos) e Teenage Riot (de 14 a 18 anos). As actividades formativas para adultos están artelladas unha vez máis en colaboración coa ECAM- Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de la Comunidad de Madrid: o cineasta Fernando Franco , gañador do Premio Goya en 2014 como director novel pola película La Herida, impartirá un obradoiro no que abordará o seu xeito de afrontar o proceso de realización dun filme no taller Largo viaje hacia… algún lugar; e o guionista, director, docente e xestor cultural Javier García, unha formación sobre montaxe e narrativa cinematográfica para alumnado de Secundaria e Bacharelato. Alén disto, o cineasta Peter Tshcerkassky e o fotógrafo Joan Fontcuberta ofrecerán cadansúa masterclass no marco do festival.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial