займ срочно

70 concellos e 3.000 establecementos na terceira edición de Compostela en Negro

0

Compostela, 3 de novembro do 2017 – A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu a coñecer hoxe os detalles da terceira edición de Compostela en Negro, que dende o ano pasado leva por nome Galicia en Negro, co gallo de integrar aos concellos adheridos.

Marta Lois explicou que este ano a campaña “desenvolverase do 23 ao 26 de novembro, cando veremos como centos de establecementos hoteleiros, comerciais, etc., tinguirán de negro os seus escaparates como xeito de amosar a nosa repulsa ás violencias machistas”. En Compostela son arredor de 500 os establecementos que participaron o ano pasado na campaña, mapa do que se parte este ano para sumar máis comercios, hoteis ou axentes sociais.

Cómpre tamén destacar a implicación dos institutos da cidade, que este ano poñerán unha pancarta que se lles fará chegar dende o Concello. A maiores facilitaráselle unha unidade didáctica para que poidan usar os colexios no marco do 25 de novembro. O día 21 haberá ademais dúas charlas sobre igualdade en dous institutos de Compostela a cargo do Comando Igualdade, un grupo de rapaces e rapazas feministas.

Tamén se unen a Compostela en Negro firmas como Inditex, El Corte Inglés ou Gadisa, que levarán o negro aos seus centros e tendas de toda Galicia. O voluntariado da USC participará novamente nas tarefas de reparto de material nos puntos de distribución habilitados.

Novidades

Imaxe dun comercio na edición 2016

Precisamente, a distribución é unha das novidades deste ano. Haberá catro lugares onde os comercios poden recoller o material para usar os días da campaña. Son a Casa das Mulleres “Xohana Torres”, o Matadoiro e os CSC do Ensanche e das Fontiñas.

“Outra das principais novidades -sinalou a concelleira- é a participación da veciñanza. Está previsto, a semana próxima, enviar unha postal a cada casa para informar sobre esta campaña e convidar a todo o mundo a que se implique. Animamos a veciñas e veciños a prender das ventás bandeiras de roupa negra para ser altofalantes da campaña e comprometerse a facer dos seus fogares espazos libres de violencia”. Todo o material pode recollerse nos catro puntos de distribución habilitados.

70 concellos

A campaña traspasou os límites municipais na edición do ano pasado. Se no 2016 foron 17 os Concellos adheridos a Compostela en Negro, nesta terceira edición a cifra ascende a 70. Ademais tamén se quixeron sumar as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Tal e como avanzou Marta Lois, “o día 15 de novembro está previsto que asinemos un protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña onde estarán representantes dos 70 concellos adheridos. Un dos sinais de Compostela en Negro -engadiu Lois- é a unión de todos os municipios cun obxectivo común como é a loita contra as violencias machistas, independentemente do territorio ou da cor política”.

Traballo en rede

A acción apoiarase tamén a través de internet e no mundo virtual a través do emprego da imaxe da campaña para vestir de negro os perfís sociais, webs, cabeceiras dos medios de comunicación, etc,. que se pode descargar en diferentes formatos da páxina da campaña.

Para coñecer máis sobre a acción conxunta, pódese visitar a web ennegrocontraasviolencias.gal, onde se atopa o mapa da campaña En negro contra as violencias, e escribir a mailto:compostela25n@gmail.com para incorporar os establecementos ou entidades ao mapa de Compostela en Negro. Para participar, só hai que acudir aos puntos onde se repartirá o material da campaña do 16 ao 22 de novembro, e usalo nos escaparates, fachadas, ventás ou balcóns.

A concelleira tamén avanzou que o vindeiro luns 6 de novembro viaxará a Bruselas unha delegación dos 17 concellos adheridos o ano pasado para explicar as claves da campaña no Parlamento Europeo. Haberá unha acción de rúa na explanada diante do Parlamento Europeo cunha performance e reparto de material e camisetas.

A campaña está cofinanciada este ano con fondos FEDER, concretamente dentro da EDUSI.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies