Compostela terá novas ordenanzas fiscais

0

Compostela, 21 de outubro do 2019 – O goberno municipal de Santiago levará a pleno este mes unhas novas ordenanzas fiscais que contarán co apoio de Compostela Aberta para saír adiante.

O documento era aprobado en Xunta de Goberno o pasado venres e presentado posteriormente en rolda de prensa pola concelleira Marta Abal. A continuación era o voceiro de Compostela Aberta, Martiño Noriega, o que comunicaba o voto favorable da súa formación a ditas ordenanzas fiscais.

Marta Abal, de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, destacou a bonificación de ata o 95% que se introduce nas ordenanzas reguladoras do IBI, do IAE e do ICIO, para a implantación de novas empresas en Santiago e para a ampliación das existentes. Unhas bonificacións ligadas, sinalou “á creación de emprego indefinido e de calidade”.

Abal explicou que o período de carencia destas bonificacións no IBI e no IAE será de 3 anos. Pero, “pola importancia estratéxica para o desenvolvemento industrial de Compostela, as bonificacións que se contemplan para as novas empresas dos sectores da biotecnoloxía e da madeira son máis vantaxosas, de xeito que o período de carencia das bonificacións no IBI e no IEAE será de 5 anos”, engadiu.

Durante a comparecencia Marta Abal agradeceu “a achega dos diferentes grupos municipais que dun ou doutro xeito contribuíron a enriquecer o texto final proposto”.

IBI

No que respecta ao IBI (Imposto de Bens Inmobles) proponse a modificación do tipo de gravame aplicable aos bens de natureza rústica, que pasa do 0,51% actual ao 0,48%, o que representará uns 76.000 euros menos para as arcas municipais. Compensaranse co incremento nos bens de natureza urbana non residencial, que pasa do 0,54% ao 0,55%, o que suporá uns 114.000 euros máis. O obxectivo, segundo explicou Marta Abal, é redistribuír a presión fiscal en beneficio dos inmobles de natureza rústica.

No IBI urbano incorpórase unha bonificación, de ata o 95%, para os inmobles titularidade de corporacións de dereito público nos que se desenvolvan actividades económicas que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, da industria, dos servizos e a navegación. Unha vez máis, subliñou a concelleira, “estamos ante unha clara aposta do goberno co tecido comercial e industrial do concello de Santiago de Compostela”.

IAE

No IAE (Imposto de Actividades Económicas) modifícase a porcentaxe de bonificacións para impulsar a xeración de emprego indefinido, incrementándoas do 15%, 30% e 45% ata o 20%, 35% e 50% respectivamente. Tamén se introduce unha bonificación nova do 50% para aquelas empresas que, situadas en solo de polígono industrial, empreguen e produzan enerxías renovables e conten cun plan de transporte colectivo e compartido.

ICIO

No ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) increméntanse as porcentaxes das bonificacións para fomentar a construción de vivendas de protección autonómica, que pasan do 30% ao 50%; e as porcentaxes de bonificacións para fomentar o acondicionamento e adaptación das construcións existentes para o acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade. Neste caso a porcentaxe actual do 50 por cento pasado ao 75%.

Axustes

As ordenanzas fiscais presentadas tamén propoñen outros axustes das normas de xestión tributaria co obxecto de incrementar a seguridade xurídica e a simplificación administrativa.

Por exemplo, en varias ordenanzas proponse que o órgano competente para a concesión dos beneficios fiscais sexa a concellaría delegada de Facenda en lugar da Xunta de Goberno Local. O feito de ter que someter o expediente á decisión dun órgano colexiado como a Xunta de Goberno Local ocasiona demora na tramitación administrativa e carga adicional no traballo do persoal municipal, co conseguinte prexuízo para a cidadanía. Desta modificación exceptúanse os beneficios fiscais nos que a normativa vixente lle asigna a competencia ao Pleno para a declaración do interese e utilidade. Neste caso corresponderalle ao pleno a culminación do expediente, coa correspondente concesión ou denegación da bonificación.

Outro exemplo é a ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección de tributos. Segundo explicou Marta Abal, no relativo ás garantías esixidas nas solicitudes de aprazamento e fraccionamento, e para facilitar o pagamento aos contribuíntes que teñen vontade de pago pero atopan dificultades para obter un aval bancario, increméntanse os importes dos tramos de débeda a partires dos cales é necesario presentar garantía e redúcese o número de entidades bancarias de tres a dúas para xustificar a imposibilidade de obter aval. Tamén coa finalidade de axilizar os procesos de xestión recaudatoria, increméntase o importe de 300 a 900 euros para a declaración de créditos incobrables sen necesidade de acudir a rexistros públicos.

Na ordenanza reguladora dos bens inmobles proponse a implantación dun sistema de comunicación de alteracións catastrais. Deste xeito, a obriga que tiña o contribuínte de comunicar ao Catastro ditas alteracións desaparece, recaendo agora na administración local.

E na ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica elimínase na tramitación de beneficios fiscais a esixencia de que os interesados deben presentar documentos para acreditar datos aos que ten acceso o Concello, e amplíanse as opcións de acreditación da discapacidade en base á regulación autonómica.

Por último, na ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalías), no relativo ás bonificacións por causa de morte, proponse incluír a referencia aos pactos sucesorios en aplicación da doutrina e xurisprudencia consolidadas, que os cualifica como negocio xurídico mortis causa a título lucrativo.

Apoio de Compostela Aberta

Compostela Aberta anunciou que votará a favor das ordenanzas fiscais que o Goberno someterá ao debate do Pleno da Corporación, despois de que o PSOE aceptara incorporar á súa proposta a práctica totalidade das achegas do grupo municipal.

Martiño Noriega mostrou a súa satisfacción “porque as ordenanzas son continuistas coa liña de fiscalidade progresiva que foi a aposta de CA no pasado mandato” recoñecendo que “aínda sendo menos ambiciosas do que serían se fosen nosas, si que se incorporan novas bonificacións, con gravames para os valores catastrais máis altos, e cunha clara aposta polas industrias estratéxicas” propostas todas incorporadas por Compostela Aberta.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial