Este luns producirase un dos poucos Tránsitos de Mercurio do século

0

Compostela, 9 de novembro do 2019 – O Observatorio Ramón María Aller da USC informa de que este próximo luns producirase un dos poucos Tránsitos de Mercurio do século, o seguinte será xa no 2032.

Como explica o director do Observatorio, José Ángel Docobo, o tránsito de Mercurio ten lugar a intervalos de 3.5, 7, 9.5, 10 e 13 anos, de tal xeito que por termo medio prodúcense arredor de trece por século. Ademais, “só poden ter lugar preto dos días 8 e 9 de maio ou 10 e 11 de novembro, datas nas que Mercurio atravesa o plano da Eclíptica”. Os que teñen lugar en maio duran arredor de oito horas, xa que nesa época o planeta vai máis lento na súa órbita ao estar máis lonxe do Sol. O último Tránsito de Mercurio tivo lugar o 9 de maio de 2016 e o próximo producirase o 13 de novembro de 2032.

tránsito de mercurioDocobo indica que o do vindeiro luns 11 comezará ás 13.35 horas, terá o seu medio ás 16.20 e rematará ás 19.04 horas, se ben a súa visualización está condicionada polas condicións meteorolóxicas previstas para a xornada. No caso en que fóra posible a súa observación, o director do Observatorio Astronómico da USC lembra que o “único método seguro para seguir o Tránsito é proxectar a imaxe do Sol sobre unha pantalla, nunca mirando cara el directamente salvo que se dispoña de gafas especiais como as usadas nas eclipses de Sol, pero aínda así desaconséllase observar de xeito continuado”.

Unicamente Mercurio e Venus, os planetas interiores, poden ser protagonistas destes acontecementos. Se as órbitas destes planetas fose coplanarias coa da Terra (a Eclíptica), “entón poderíamos contemplar tres Tránsitos de Mercurio ao ano, pero a órbita deste último está inclinada 7° con respecto á Eclíptica” o que explica a singularidade do fenómenos, aclara José Ángel Docobo.

O primeiro Tránsito de Mercurio do século pasado fora seguido dende Lalín en 1907 por Ramón María Aller Ulloa, facendo logo unha pormenorizada descrición do suceso nun texto que permaneceu inédito ata 2013, momento no que foi publicado facsimilarmente no número 12 do anuario Descubrindo Deza. O de 2016 foi fotografado dende o Observatorio universitario.

No pasado, os Tránsitos foron “moi útiles para axudar a determinar as dimensións do Sistema Solar e na actualidade, o paso de planetas por diante doutras estrelas é unha das técnicas que máis planetas extrasolares ten permitido descubrir” engade Docobo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial