Compostela terá novas ordenanzas fiscais o próximo ano

0

Compostela, 4 de novembro do 2019 –  O pleno municipal de Santiago aprobou o pasado xoves a modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2020.

A proposta de ordenanzas fiscais recibiu o voto favorable do Grupo de Goberno e de Compostela Aberta, e contou coa abstención de PP e BNG. Tal e como tiña anunciado, Compostela Aberta votou a favor das ordenanzas fiscais, Martiño Noriega reiterou que “as achegas que nós fixemos son continuístas coa aposta pola fiscalidade progresiva que fixemos durante o pasado mandato, son un reflexo da cidade que queremos que é aquela na que paguen máis os que máis teñen”.

Cambios

A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, foi a encargada de explicar esta modificación de ordenanzas, na que destaca a bonificación de ata o 95% que se introduce nas ordenanzas reguladoras do IBI, do IAE e do ICIO, para a implantación de novas empresas en Santiago e para a ampliación das existentes.

O período de carencia destas bonificacións no IBI e no IAE será de 3 anos. Pero as bonificacións que se contemplan para as novas empresas dos sectores da biotecnoloxía e da madeira son máis vantaxosas, de xeito que o período de carencia das bonificacións no IBI e no IEAE será de 5 anos. A concelleira explicou que estas bonificacións son consecuencia do compromiso do Goberno municipal coa implantación de novas actividades económicas, en particular dos sectores das biotecnoloxía e da madeira, e das novas tecnoloxías; que xeren emprego indefinido e de calidade.

IBI

No que respecta ao IBI (Imposto de Bens Inmobles), modifícase o tipo de gravame aplicable aos bens de natureza rústica, que pasa do 0,51% actual ao 0,48%, o que representará uns 76.000 euros menos para as arcas municipais. Compensaranse co incremento nos bens de natureza urbana non residencial, que pasa do 0,54% ao 0,55%, o que suporá uns 114.000 euros máis. O obxectivo, segundo explicou Marta Abal, é redistribuír a presión fiscal en beneficio dos inmobles de natureza rústica.

No IBI urbano incorpórase unha bonificación, de ata o 95%, para os inmobles titularidade de corporacións de dereito público nos que se desenvolvan actividades económicas que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, da industria, dos servizos e a navegación.

IAE

No IAE (Imposto de Actividades Económicas) modifícase a porcentaxe de bonificacións para impulsar a xeración de emprego indefinido, incrementándoas do 15%, 30% e 45% ata o 20%, 35% e 50% respectivamente. Tamén se introduce unha bonificación nova do 50% para aquelas empresas que, situadas en solo de polígono industrial, empreguen e produzan enerxías renovables e conten cun plan de transporte colectivo e compartido.

ICIO

No ICIO (Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras) increméntanse as porcentaxes das bonificacións para fomentar a construción de vivendas de protección autonómica, que pasan do 30% ao 50%; e as porcentaxes de bonificacións para fomentar o acondicionamento e adaptación das construcións existentes para o acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade. Neste caso a porcentaxe actual do 50 por cento pasado ao 75%.

Axustes

As ordenanzas fiscais presentadas tamén propoñen outros axustes das normas de xestión tributaria co obxecto de incrementar a seguridade xurídica e a simplificación administrativa. En varias das ordenanzas o órgano competente para a concesión dos beneficios fiscais será a concelleira delegada de Facenda en lugar da Xunta de Goberno Local o que axilizará os trámites. Desta modificación exceptúanse os beneficios fiscais nos que a normativa vixente lle asigna a competencia ao Pleno para a declaración do interese e utilidade. Neste caso corresponderalle ao Pleno a culminación do expediente, coa correspondente concesión ou denegación da bonificación.

Outro exemplo é a ordenanza xeral de xestión, recadación e inspección de tributos. No relativo ás garantías esixidas nas solicitudes de aprazamento e fraccionamento, e para facilitar o pagamento aos contribuíntes que teñen vontade de pago pero atopan dificultades para obter un aval bancario, increméntanse os importes dos tramos de débeda a partires dos cales é necesario presentar garantía e redúcese o número de entidades bancarias de tres a dúas para xustificar a imposibilidade de obter aval. Tamén coa finalidade de axilizar os procesos de xestión recadatoria, increméntase o importe de 300 a 900 euros para a declaración de créditos incobrables sen necesidade de acudir a rexistros públicos.

Na ordenanza reguladora dos bens inmobles, implantarase un sistema de comunicación de alteracións catastrais. Deste xeito, a obriga que tiña o contribuínte de comunicar ao Catastro ditas alteracións desaparece, recaendo agora na administración local. E na ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica elimínase na tramitación de beneficios fiscais a esixencia de que os/as interesados/as deben presentar documentos para acreditar datos aos que ten acceso o Concello, e amplíanse as opcións de acreditación da discapacidade en base á regulación autonómica.

Por último, na ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana (plusvalías), no relativo ás bonificacións por causa de morte, inclúese a referencia aos pactos sucesorios en aplicación da doutrina e xurisprudencia consolidadas, que os cualifica como negocio xurídico mortis causa a título lucrativo.

Asesoría Xurídica

Na sesión tamén se aprobou inicialmente o regulamento de organización e funcionamento da Asesoría Xurídica, cos votos favorables de PSdeG-PSOE e Compostela Aberta e a abstención de PP e BNG.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial