займ срочно

XIX Ciclo Lied

0

Compostela, 7 de setembro do 2018 –  O XIX Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago coa coordinación da Asociación de Amigos da Ópera de Compostela (ADOC) e a colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverá tres concertos ao longo deste mes de setembro co tránsito vital do ser humano como fío condutor.

Nos tres recitais do Ciclo Lied ofreceranse composicións que xiran ao redor dos grandes temas universais: dende a mocidade á vellez, pasando polo amor, a soidade, a alegría ou a morte. Nesta edición de 2018 retornarase, ademais, aos piares do repertorio tras un bienio no que o Ciclo de Lied explorou as fronteiras do xénero e percorreu a tradición eslava e francesa. Así, os nomes clásicos como Franz Schubert, Robert Schumann  ou Johannes Brahms estarán presentes nesta 19ª edición.

De esquerda a dereita o presidente da ADOC, Jesús Couceiro Bueno, á concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e a vogal da ADOC Ángela Peñalba

As citas

A primeira das citas do XIX Ciclo de Lied terá lugar o vindeiro martes 11 de setembro ás 20.00 horas. O Teatro Principal acollerá a Microópera Amor y vida de mujer, cuxo gran protagonista será Robert Schumann. A proposta escénica, formulada polo artista multidiscilplinar malagueño Nicolás Agusto, integra dous célebres ciclos do compositor xermano -Amor e vida de Muller (1840), composto para piano e soprano, e Escenas do Bosque (1849), ideada para piano- para compoñer unha microópera cunha dramaturxia creada ex profeso a partir do sentido subxacente que destila a líña pianística do ciclo que dá título ao espectáculo. A proposta está conducida a facer reflexionar sobre o amor romántico, levado até o punto da negación do “eu” e en favor da entrega incondicional á parella e as implicacións patolóxicas que poden arrastrar, así como a aceptación ou rexeitamento que provoca no público contemporáneo. A soprano armenia Hasmik Nahapetyan, os actores María Cervantes e Juna Francisco Contreras e a pianista Claudia F. de Cañete serán os intérpretes desta microópera.

A segundo cita do Ciclo de Lied celebrarase o próximo 20 de setembro ás 20.00 horas tamén no Teatro Principal. Baixo o título Tarde de Cancións, ofrecerase un repertorio variado que inclúe pezas de Brahms, Tchaikovsky, Gustav Mahler e Richard Strauss. A mezzosoprano holandesa Christianne Stotijn (Delft, 1977), prestixiosa intérprete galardoada con premios tan reputados como o ECHO Rising Stars Award, o Borletti-Buitoni Trust Award ou o Nederlands Muziekprijs, porá a voz dunha actuación na que estará acompañado polo pianista polaco Macij Pikulski (Cracovia, 1969). Formado en Francia e cun recoñecido prestixio internacional, Pikulki cultivou unha carreira frutífera tanto de solista coma de acompañante dentro do xénero de música de cámara.  

O Teatro Principal despedirá o ciclo o día 25 de setembro cunha terceira sesión titulada Canto de Cisne, na que o baixo barítono Hanno Müller-Brachmann e o pianista Matthias Alteheld interpretarán diversas composicións do romántico alemán Carl Maria von Weber e do austríaco Franz Schubert. Precisamente, os intérpretes farán un achegamento ao Schwanengesang (O canto do cisne), colección póstuma de Lied que lle dá título ao peche do Ciclo. Composto por Schubert, as pezas xorden a partir de textos de poetas como Heinrich Heine e Ludwig Rellstab.

Venda de entrada

As entradas estarán á venda a un prezo de 8 euros por sesión e haberá un abono de 18 euros para os tres concertos. As entradas soltas terán os descontos do 50% para estudantes, xubilados, menores de 25 anos, maiores de 65, persoas desempregadas, perceptores de rendas sociais e membros de familias monoparentais ou numerosas. Poderán adquirir no horario habitual da billeteira do propio Teatro Principal. Ademais, a través da nova páxina web compostelacultura.gal, poderanse adquirir as localidades de forma telemática. (os abonos só se poderán mercar no despacho de billetes, de forma presencial).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies