Compostela, 26 de outubro do 2019 – Este venres era presentada a 33º edición de Cineuropa, baixo nova dirección o festival aposta por buscar novas perspectivas e por en valor as voces femininas.
Desde o mesmo cartaz Cineuropa 2019 suxire ese cambio de visión. Os novos responsables non falan dun cambio do feito ata agora pero explican que as visións e perspectivas cambian cando cambian as persoas.
Do 7 ao 28 de novembro
A vindeira semana, nunha segunda rolda de prensa, coñecerase toda a programación. Cineuropa centra este ano a súa mirada na visión e no cinema realizado por mulleres, que será fío condutor tanto de boa parte d e esa programación como das súas actividades paralelas.
A muller, a súa relación co cinema e a visión feminina serán protagonistas na sección oficial do festival e tamén terán unha forte presenza nas das seccións paralelas, as especiais, nas retrospectivas e nas mesas redondas que este ano completarán a programación.
Tras valorar a produción de cine ao longo do ano a organización decidiu que o certame estivera marcado por un “feminismo transversal” que na práctica supón un incremento no número de películas realizadas por directoras e unha presenza nas sensibilidades dos temas escollidos nos filmes.
na presentación estiveron presentes a responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; a directora do festival, Laura Seoane; e o coordinador de programación, Javier Trigales,
Seccións
O festival terá nesta edición cinco seccións oficiais (Europea, Panorama internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e unha novidosa sobre animación denominada Animaeuropa) e, por primeira vez, o público poderá premiar un filme por cada unha das categorías.
Haberá tamén premios entregados por un xurado novo para o que está aberto o prazo de inscrición, que se pode realizar na páxina web https://www.cineuropa.gal/ ata o 31 de outubro.
A venda de abonos e entradas comezará o luns 4 de novembro e o xoves día 7 terá lugar a sesión inaugural do festival. Esta 33ª edición contará ademais con tres sesións de películas sorpresa, maratón, concertos e mesas redondas de arredor de diferentes temáticas. A programación completa darase a coñecer o día 31 de outubro.
O equipo de Cineuropa
O festival está dirixido este ano por un equipo liderado por mulleres vinculadas ao ámbito cinematográfico e do eido cultural da empresa de xestión e produción cultural La Tropa Produce, que labrou a súa experiencia no sector coa organización de diversos eventos como os premios Feroz da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, o festival Lo Que Viene de Tudela de Navarra, o Festival Internacional de Cine de Almería ou cine de verano de Conde Duque do Concello de Madrid.
Ao fronte do equipo está xornalista e produtora cultural coruñesa Laura Seoane, que ten experiencia na xestión integral de proxectos relacionalos co cinema. Foi fundadora e produtora dos premios Feroz, codirectora do Festival Internacional de Cine de Almería, programadora do festival de cine Lo Que Viene, directora e responsable de programación da 36ª Semana de Cine español de Carabanchel (Madrid), directora do cine de verán Conde Duque e produtora do ciclo de cine musical Sing-Along.
O xestor cultural coruñés Javier Trigales é o responsable da coordinación da programación do festival e conta con experiencia como comisario e programador de contidos audiovisuais, seminarios e ciclos de cinema no Museo de Arte Contemporánea da Coruña (MAC), no (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña, no Fórum Metropolitano, o museo científico Muncyt e o festival Curtocircuíto, entre outros.
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago, a través do Auditorio de Galicia, coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña. Conta tamén co apoio da AGADIC da Xunta de Galicia, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o ICAA do Ministerio de Cultura e Deporte e os Multicines Compostela. Ademais, o festival é apoiado tamén por diversas institucións culturais e varias empresas da cidade.