Unha Compostela + Solidaria

0

Compostela, 16 de setembro do 2020 – O concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a quinta edición de Compostela + Solidaria.

Trátase dun programa de sensibilización e divulgación que terá lugar do 14 de setembro ao 5 de outubro en distintos espazos de Compostela. Ao longo de tres semanas programaranse actividades para todas as idades que promoverán a reflexión sobre cuestións como a migración e a convivencia entre distintas culturas, a emerxencia climática e o consumo responsable.

Esta edición ofrece un ciclo de cine social contra os discursos de odio no cinema NUMAX, unha exposición fotográfica nos escaparates dos comercios da cidade, dúas feiras na rúa e a difusión da campaña #ProtéxeteDoRacismo no mobiliario urbano de Compostela.

Tecedoras do cambio

No marco da campaña onte era inaugurada a exposición Tecedoras do cambio. Composta por 20 fotografías de mulleres de América Latina, África e Asia, que son imprescindibles para o desenvolvemento das súas comunidades. A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro; a voceira da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz; e a vicepresidenta da Asociación Comercio Punto Compostela, Vanessa Alvite, foron as encargadas da presentación da mostra que permanecerá ata o 5 de outubro nos escaparates de distintos comercios da cidade.

Unha Compostela + SolidariaAs imaxes son retratos de labregas, pescadoras, defensoras de dereitos, promotoras de saúde, activistas, mariscadoras… Mulleres que, xunto a organizacións dos seus países, están a traballar, man a man, con ONGD galegas en procesos de desenvolvemento e de mellora das condicións materiais e emocionais das súas comunidades.

Mila Castro salientou a importancia de visibilizar desde as administracións o labor destas mulleres loitadoras “que defenden os dereitos humanos e que están a traballar para que as súas comunidades vivan mellor”.

“Esta exposición fotográfica é unha homenaxe a todas as mulleres que loitan, e loitaron a diario, polo dereito básico a ter unha vida digna”, explicou María Paz, voceira da Coordinadora Galega de ONGD, que agradeceu a colaboración do Concello “Todas elas son tecedoras do cambio, mulleres referentes na construción doutro mundo posible, coas que traballamos as ONGD galegas xunto a organizacións de cada país”.

Cinefórum contra os discursos de odio

Unha edición máis, o Cinema NUMAX súmase ao Compostela + Solidaria coa organización dun ciclo de cine social con películas de directores e directoras de distintos países. Serán catro sesións con filmes que abordarán temáticas como a migración de África a Europa, a colonización, o racismo e a convivencia entre distintas culturas. Películas, documentais e curtas coas que reflexionar arredor da xustiza social e contribuír a combater os discursos de odio. Ao rematar cada unha das sesións, haberá un coloquio no que participarán as protagonistas das historias e do equipo técnico.

As sesións serán abertas e de balde e terán lugar os luns 14, 21 e 28 de setembro e 5 de outubro. Os convites para poder acceder recolleranse na billeteira do Cinema NUMAX a partir do venres anterior a cada unha das sesións (un máximo de dúas por persoa). O aforo do cinema é actualmente do 50% por mor das medidas da prevención da COVID-19.

#ProtéxeteDoRacismo

A partir do 16 de setembro, o mobiliario urbano da cidade súmase a campaña Protéxete do Racismo. Unha proposta da ONGD AGARESO para combater os discursos de odio na que se fai un chamamento a non espallar prexuízos culturais e raciais, especialmente, no actual momento de pandemia global.

Feira de alternativas contra a emerxencia climática

O 18 de setembro, de 18 a 20.30 horas, a ONGD Amigos da Terra e a cooperativa de enerxía verde Nosa Enerxía, amosarán solucións sinxelas e prácticas para contribuír a frear a emerxencia climática con tres espazos situados na praza Roxa. Un con consellos para reducir a nosa pegada de carbono e favorecer á sostenibilidade no planeta. Outro, en formato de mostra de medios de transporte sostibles non dependentes do petróleo e onde se convidará a varias persoas a realizar un mesmo percorrido e a comparar o resultado en función do medio escollido. E, por último, un laboratorio de enerxía 100% renovable no que se amosará e explicará o funcionamento destas tecnoloxías e o seu uso correcto.

Feira “Comercio con-sentido”

O 2 de outubro de 17 a 20 horas a praza Roxa acollerá unha feira para dar a coñecer o comercio xusto. A ONGD Solidariedade Internacional Galicia informará sobre a orixe e a produción do cacao e o café e sobre os problemas que afrontan as persoas que os producen ata que chegan ás nosas mans. Tamén haberá unha degustación de cacao, café, e azucre de comercio xusto.

Para participar en calquera das actividades programadas haberá que facer uso de máscara e manter a distancia de 1,5 metros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial