Compostela reabrirá o refuxio de animais a finais de mes

0

Compostela, 3 de xuño do 2020 – O refuxio de animais de Compostela entra tamén na fase de desescalada coa reapertura o próximo día 21.

A concelleira de Benestar Animal, Esther Pedrosa e a directora do Refuxio de Animais de Bando, Olalla García, explicaron en rolda de prensa o plan para esta volta a actividade.

A instalación pechou ao público o pasado 14 de marzo e mantívose así excepto nos casos urxentes como a recepción de animais por parte dos habituais servizos de recollida animal de cada concello, ou a entrega de animais aos seus propietarios e propietarias en caso de extravío, sempre e cando así o permitisen as autoridades.

Durante o confinamento seguíronse atendendo chamadas telefónicas e respondendo mensaxes nas redes sociais e a través do correo electrónico, así como xestionando adopcións de xeito telemático (cuestionarios pre-adopción, etc.).

Dende o pasado 11 de maio comezouse a entrega de animais en adopción, sempre con cita previa, e tomando as medidas oportunas para evitar riscos tanto para os/as traballadores/as do Refuxio como para o propio público.

Desescalada

A partir do sábado 6 de xuño retomaranse no Refuxio os habituais horarios e quendas dos/das traballadores/as, mais ata o 21 deste mes as instalacións permanecerán pechadas e atendendo con cita previa. A partir desta data abrirase ao público nos horarios habituais.

Olalla García pediu ás persoas interesadas en adoptar que acudan ao Refuxio no horario acordado e pregoulles puntualidade. Segue sendo obrigatorio o uso de máscara para acceder ás instalacións e o seu uso en todo momento, así como gardar a distancia de seguridade recomendada e seguir as indicacións do persoal do centro. Recoméndase tamén o uso de luvas e proporcionaráselles xel hidroalcohólico para a desinfección das mans.

O voluntariado poderá acceder ao Refuxio a partir do 8 de xuño, mais ata o 21 poderá acudir por quenda un máximo de tres persoas. A partir desta data e ata o 5 de xullo, grupos máximos de seis persoas e, dende o 5 ata o 22 de xullo, grupos de como moito dez.

No caso dos padriños e madriñas, poderán retomar a actividade dos paseos a partir do 22 de xuño, e ata o 22 de xullo será con cita previa e cun número máximo de persoas por quenda. Entre semana poderán acudir un máximo de cinco persoas por quenda, mentres que nas fins de semana o límite será de dez por quenda. Estas persoas serán informadas sobre o sistema de cita previa a través dunha aplicación que se lles fará chegar a través do correo electrónico.

Outras actividades, como a visita de colexios ou colectivos, retomaranse a partir setembro, sempre con cita previa, como se viña facendo, e sempre que sexa posible.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial