Compostela aproba as bases do rexistro de demandantes de vivenda en aluguer

0

Compostela, 24 de outubro do 2018 – Unha vez que xa está aberto o rexistro de vivendas baleiras, o concello de Santiago aproba as bases do rexistro de demandantes de vivenda para que en poucos días poida abrirse tamén.

O rexistro de demandantes de vivenda en aluguer complementa o rexistro municipal de vivendas baleiras xa que ambos forman o programa Aviva de axudas. O prazo para inscribirse estará aberto ata o 30 de novembro.

Jorge Duarte

Jorge Duarte, concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou en rolda de prensa o funcionamento do rexistro que “lle proporcionará ao Concello información sobre o número e circunstancias das persoas que demandan unha vivenda en alugueiro en Santiago. Na capital galega empeza a haber escaseza de vivendas en alugueiro para familias, unha situación vinculada ao fenómeno dos pisos turísticos. Ao contrario do que acontece con outras axudas ao alugueiro impulsadas dende a Xunta, esta convocatoria non está dirixida exclusivamente a persoas en exclusión, e de feito o límite de ingresos da unidade familiar para facer parte do Rexistro situouse en 3,5 veces o IPREM”.

Requisitos

As unidades familiares ou de convivencia que queiran inscribirse no Rexistro municipal de demandantes de vivenda en alugueiro deberán ter, no seu conxunto, uns ingresos de entre 1 e 3,5 veces o IPREM. Tamén se require que ningún dos membros da unidade de convivencia teña en propiedade ou goce do usufruto dunha vivenda, salvo que se considere inadecuada ou insuficiente.

Os colectivos prioritarios para formar parte do Rexistro serán os de persoas afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou desafiuzamento, aquelas unidades de convivencia nas que existan fillos menores ou sexan familias numerosas, ou as que sexan monoparentais con fillos a cargo. Tamén terán prioridade as mulleres vítimas da violencia de xénero, as unidades con persoas maiores de 65 anos ou dependentes, ou os mozos e mozas sos con idades comprendidos entre os 18 e os 35 anos. O prazo para a presentación de solicitudes de inscrición no Rexistro comezará ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, e rematará o 30 de novembro.

Axudas para a mobilización de vivenda baleira

Jorge Duarte tamén deu conta da ampliación, ata o 15 de decembro, do prazo para solicitar as axudas municipais para a mobilización de vivendas en alugueiro, dirixidas “ás persoas propietarias que poñan as súas vivendas baleiras a disposición das familias, respectando os prezos estipulados polo Goberno local en función do número de habitacións e a localización do piso e que serían dun máximo de 600 euros”. Trátase, apuntou o concelleiro, de “garantir que o custo da vivenda non supere a terceira parte dos ingresos da unidade de convivencia”.

As subvencións contemplan tres conceptos: o 50% do custo da execución de actuacións de conservación e mantemento e reparacións puntuais da vivenda orzadas nun máximo de 3.500 euros; o custo da emisión do certificado de eficiencia enerxética, ata 250 euros; e o custo equivalente a tres veces a cota do imposto de bens inmobles devindicado do exercicio inmediatamente anterior ao da solicitude, ata un máximo de 1.800 euros. Deste xeito, a contía máxima da axuda municipal sería de 3.800 euros, que os beneficiarios percibirían mediante tres pagos anuais correspondentes a unha terceira parte da axuda total.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial