Compostela Rupestre marca as prioridades

0

Bisbarra, 15 de xaneiro do 2020 – O proxecto Compostela Rupestre reuniu ao Consello de Dirección para aprobar un informe coas necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais.

Compostela Rupestre é unha iniciativa na que participan os concellos de Ames, Brión, Santiago, Teo e Val do Dubra e que conta co apoio da Deputación da Coruña- Precisamente o vicepresidente do organismo provincial e deputado de Turismo, Xosé Regueira e o deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, ademais de persoal técnico do departamento participaron na reunión xunto con representantes dos cinco concellos implicados.

Reunión de Compostela RupestreNa xuntanza, presentouse o informe final elaborado pola empresa Horizonte Norte por parte do arqueólogo director, Mario César Vila que explicou as liñas fundamentais dun documento que detecta as necesidades máis urxentes dos bens patrimoniais de Compostela Rupestre. Xosé Regueira, destacou a rigorosidade do informe presentado e urxiu a “acelerar a elaboración do plan de xestión que consolidaría o proxecto e facilitaría tamén a tramitación administrativa de todas as fases contempladas, desde a compra de terreos até a posta en marcha de estratexias de aproveitamento e posta en valor do patrimonio, de carácter turístico, educativo, de divulgación científica e mesmo de implicación da veciñanza”.

O informe presentado por Mario César Vila contempla a revisión documental, catalogación, selección de cara a posta en valor e adquisición de terreos dos petroglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos integrantes da mancomunidade da comarca de Compostela. O documento será a base para a elaboración dun plan de xestión para conservar e difundir a arte rupestre nos cinco concellos, financiado e promovido pola Deputación da Coruña, que será obxecto de licitación neste ano 2020.

O equipo responsábel do traballo detectou tamén petroglifos inéditos e propuxo medidas correctoras urxentes como a limpeza de vexetación da contorna, información aos propietarios da existencia dos bens, fotogrametría de detalle e a diagnose dos elementos e propostas de conservación.

Como sinalou o arqueólogo Mario César Vila na súa explicación do informe, o traballo ofrece tamén o estudo dunha proposta de selección para a adquisición de terreos con gravados rupestres singulares e características axeitadas ademais da selección para a súa posta en valor. O traballo inclúe tamén propostas de cara á elaboración do plan de xestión, o estudo proposta de segregación para a adquisición de terreos con gravados rupestres e unha proposta de musealización 3D virtual.

Acordouse facer os traballos de limpeza e mantemento por parte das administracións locais e potenciar o roteiro dos petróglifos PRG-238 no concello de Teo, que xa está homologado. Na xuntanza acordouse convocar proximamente o Consello asesor para validar os acordos e estudáronse tamén distintas propostas para a difusión e posta en valor de Compostela Rupestre.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial