Compostela, 10 de outubro do 2020 – Ata o próximo día 18 o libro será o protagonista en Compostela coa SELIC, a Semana do Libro na cidade.
A concelleira Mercedes Rosón foi a responsable de presentar a Semana do Libro de Compostela. Serán 45 actividades que van desde roteiros ou coloquios ata conversas, mesas redondas, dúas exposicións e dous espazos de mostra con 16 librerías e editoras. A SELIC ten como obxectivo visibilizar e dar a coñecer o potencial editorial e literario da cidade.
Mercedes Rosón definiu a SELIC como unha publicación aberta, con distintos capítulos, “que nos convidan a coñecer, amar, respectar e utilizar os libros como unha fonte de coñecemento e de emocións. Unha gran aventura literaria”. A primeira cita hoxe sábado encaixa a perfección en esa definición xa que o roteiro “compoesceas” será un paseo dramático polos escenarios teatrais de Compostela, con Roi Vidal como guía.
Acompañando a Mercedes Rosón estaban Lola Puertas, da Libraría Aenea, o editor Henrique Alvarellos; e o técnico de cultura, Xesús Amado. Lola Puertas destacou que durante esta pandemia, o libro revelouse “como un lugar de encontro”, e recoñeceu que, na súa libraría, notou un incremento nas vendas. Para Henrique Alvarellos, “a lectura foi un salvavidas nos peores momentos da COVID-19”. Uns momentos difíciles, sinalou, “aos que tivo que adaptarse a Semana do Libro de Compostela”. Destacou o número de expositores, dezaseis, e indicou que para os editores é importante cohabitar coas librarías”. Xesús Amado agradeceu, tanto ao sector das librarías como as editoras, as propostas realizadas, sen as cales, recoñeceu, sería máis difícil artellar o programa da SELIC.
En total, durante a SELIC, están programados doce roteiros, que lembrarán a Compostela de autores como Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Carvalho Calero, Antón Fraguas, as Irmandades da Fala ou Isaac Díaz Pardo. Tamén haberá un espazo para a Compostela conspiradora a republicana, a Compostela vermella ou a xeolitearia; e para o feminismo ou a botánica. As prazas son limitadas, e compre inscribirse no enderezo electrónico selic@santiagodecompostela.gal.
Os autores tamén contarán cun espazo propio con conversas, con presentacións, e con sinaturas de libros. Ledicia Costas asinará, “Os minimortos: benvido ao outro barrio”; Xosé Carlos Carracedo Porto “Somos de Arxerís”; e María Eiras “As nosas letras de muller a muller”. Presentaranse, entre outras obras, “Federico García Lorca en Santiago de Compostela”, de Alvarellos Editora, “O paraíso dos inocentes” de Antón Riveiro Coello, ou “Árbores no deserto”, de Rosalía Fernández Rial.
O programa completarase con actividades infantís, obradoiros creativos, performance, mesas redondas, conversas literarias e as exposicións “As nosas letras de Muller a Muller”, de María Eiras, que se poderá ver na libraría Aenea; e “Edito e Mando”,de María Meijide”, exposta no comedor de Fonseca.
Precisamente o comedor de Fonseca será un dos espazos nos que se instalarán os expositores de librarías e editoriais, xunto coa sede de Afundación, na Rúa do Vilar. Outros escenarios que acollerán esta cuarta edición da SELIC serán a Fundación Torrente Ballester, o Hotel Compostela, a Fundación Eugenio Granell, ou a lavandaría da Rúa Hortas.
Mercedes Rosón rematou a súa intervención convidando á cidadanía a participar na Semana do Libro de Compostela, a coñecer, dixo “toda esta riqueza editorial e literaria que temos en Santiago, e a “escribir o epílogo desta cuarta edición de SELIC”.
Toda a programación da SELIC está na web da semana