Compostela define as licitacións do proxecto Smartiago

0

Compostela, 10 de xullo do 2020 – Compostela segue dando pasos para por en marcha o proxecto Smartiago e define as licitacións relativas a mobilidade, xestión de residuos e alumeado intelixente.

A xunta de Goberno de Santiago de Compostela aprobou uns pregos que supoñen un investimento de máis de tres millóns de euros. Estas licitacións, permitirán, según o concelleiro Sindo Guinarte, mellorar, mediante o aporte tecnolóxico, a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, sempre utilizando a innovación para a protección do patrimonio e a sustentabilidade. O concelleiro tamén destacou que Compostela é a cidade de menos de cen mil habitantes, que leva a cabo un proxecto de CPI desta envergadura, no que se van licitar, en 2020, máis de catro millóns de euros.

Consulta ao mercado

A definición destas tres contratacións chegou despois dun proceso de Consultas Preliminares ao Mercado, no que participaron un total de 57 entidades que presentaron máis de 60 propostas. A través deste proceso convidábase aos operadores a presentar as súas solucións para os retos propostos polo Concello.

Tras a presentación de propostas foron chamadas a entrevistas máis de 30 entidades (pemes, grandes empresas, universidades, centros tecnolóxicos, etc.) para que achegaran máis información sobre as solucións presentadas. Toda a información sobre este proceso pode consultarse na páxina web do proxecto Smartiago, nos Informes de Conclusións das CPM (Consulta Pública de Mercado).

Mobilidade Intelixente E Sostible

A contratación correspondente ao reto de Mobilidade intelixente busca unha solución tecnolóxica de mobilidade smart, co obxecto de racionalizar o tráfico de vehículos e persoas no centro histórico, deseñar novas estratexia para a repartición de última milla e contribuír á sustentabilidade ambiental e á conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 2.146.479,5 euros (IVE engadido) e a adxudicación está prevista para outubro de 2020, cun prazo de execución de 18 meses.

En este caso búscase a instalación dun sistema de cámaras intelixentes de control de tráfico e mobilidade peonil; un sistema de redutores de velocidade intelixentes e  un sistema de Intelixencia artificial para o control do tráfico de mercancías no casco histórico entre outras cuestións.

Xestión sostible de residuos sólidos urbanos

No caso da xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos pídese o deseño, desenvolvemento e construción de contedores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos orgánicos. Preténdese situar o servizo de recollida e tratamento de RSU á vangarda da eficiencia con tecnoloxías smart waste, participación cidadá e IA (Intelixencia Artificial). Os obxectivos son de un 50% de preparación para a reutilización e a reciclaxe, partindo do 13% actual, convertendo o espazo urbano e o mobiliario público en elementos de interacción para obter recompensa a través da corresponsabilidade ambiental.

O valor estimado é de 564.102 euros (IVE engadido). A adxudicación está prevista para outubro de 2020 e contémplase un prazo de execución de 18 meses.

En este caso as empresas deberán ofrecer contedores intelixentes, app móbil e unha rede de comunicación.

Iluminación intelixente do patrimonio

En este caso non só se merca produtos, tamén investigación. Mediante esta compra, o Compostela contratará os servizos para desenvolver un sistema de alumado ornamental para a conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 627.710,77 euros (IVE engadido), prevéndose a adxudicación para outubro de 2020. O prazo de execución é de 18 meses.

No caso desta licitación trátase da contratación dos servizos de I+D para o deseño, desenvolvemento e posta en funcionamento dunha solución piloto que permita, a través de tecnoloxía LED, inhibir o crecemento de microorganismo no patrimonio monumental de Santiago de Compostela.

Búscase situar o servizo de iluminación pública ornamental á vangarda da eficiencia, sen renunciar a unha idónea integración arquitectónica nunha contorna Patrimonio da Humanidade, promover a sustentabilidade ambiental ligada á fabricación e xestión da iluminación baixo un modelo de economía circular e reducir os gastos de conservación do patrimonio utilizando iluminación ornamental e IA para o mantemento preventivo da colonización biolóxica.

Smartiago

Smartiago é un proxecto de Compra Pública de Innovación, o primeiro que se desenvolve nunha cidade patrimonio de España. Conta cun orzamento de 6.180.000 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e nun 10% pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN).

 

A culminación das CPM é a aprobación e publicación destas tres licitacións. O proxecto Smartiago é transversal, e nel participan distintas concellarías, entre elas Urbanismo, Medio Ambiente e Mobilidade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial