Compostela fai suxerencias ao novo catalogo de espectáculos

0

Compostela, 8 de xuño do 2018 – Coa nova Lei de Espectáculos, que entrará en vigor o 2 de xullo, a Xunta elaborará un novo catálogo paro que o concello de Santiago ven de remitir algunhas suxerencias.

Na comunicación remitida o concello de Santiago solicita que se flexibilicen as categorías no novo catálogo. Como explicou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, trátase de “deixar unha adecuada marxe de actuación ás administracións locais para que as poidan adaptar ás singulares características do seu municipio, sen prexuízo de que se cumpran as esixencias en materia de seguridade, salubridade, orde pública e medio ambiente”. Tamén se reclama que se consideren as actuacións de música en vivo “como un elemento cultural de primeira orde para que, sen prexuízo da normativa de protección medio-ambiental, se permitan transversalmente e sen que sexa preciso ter unha categoría determinada para a música ao vivo, agás cando se trate de espectáculos musicais propiamente ditos”.

No escrito, o Goberno local lembra que “a Xunta leva 13 anos sen realizar ningunha actualización no catálogo a pesar de que son notorios os múltiples cambios que se rexistran no sector tanto dende o punto de vista dos medios técnicos e tecnolóxicos como dos usos sociais”, e cando o Decreto polo que se creou o catálogo establecía a previsión de adaptalo con periodicidade anual.

No actual Catálogo de 2004, modificado en 2005, os pubs están encadrados nas “actividades de ocio e entretemento”, e os bares ou café-bares nas “actividades de restauración”. Deste xeito, os pubs poden dispoñer de ambientación musical por medios técnicos, pero sen pista de baile, mentres que nos bares e café-bares non se poden realizar actuacións musicais nin sequera no marco de programas culturais. A maiores, no relativo aos pubs non se define o concepto de ambientación musical como fan outras normativas autonómicas que diferencian entre ambientación musical (reprodución a través de calquera soporte de gravación) e amenización musical (actuacións en directo).

O escrito do Goberno local incide en que o actual Catálogo non define o nivel máximo de emisión de ruídos nos establecementos, regulada por un Decreto sobre contaminación acústica, e sinala que “o relevante é precisamente o nivel de emisión e de illamento de ruído e non o foco de produción do mesmo” e debería ser iso o que determinara a posibilidade de realizar nos establecementos actividades como as musicais. Do mesmo xeito, enténdese que a música debera ter a consideración de elemento cultural de carácter universal en transversal, que se debera poder emitir e gozar en calquera tipo de establecemento público sempre que se respecte a normativa de protección medioambiental e con independencia de se se denomina café, bar, ou pub.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies