Concepción Arenal volve as aulas da USC

1

Compostela, 30 de xaneiro do 2020 – Hoxe e mañá Concepción Arenal volverá as aulas da Universidade de Santiago por medio das alumnas que acepten a invitación para acudir a clase vestidas de homes coma homenaxe a escritora.

A USC celebra este ano os douscentos anos do nacemento da ferrolá Concepción Arenal. A ferrolá foi a primeira muller en acudir a unha universidade española aínda que para elo tivera que vestir indumentaria masculina.

A Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo, así como as Facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias Políticas e Sociais, Filosofía, Matemáticas, Ciencias da Educación, Óptica e Optometría e Química en Santiago marcarán o inicio do ano Concepción Arenal acollendo distintas performances que pretenden render homenaxe a esta precursora do feminismo que tivo que facerse pasar por home para poder recibir formación universitaria.

Homenaxe Concepción Arenal

Homenaxe a Concepción Arenal en marzo do 2018

Deste xeito, o alumnado de Química posará este xoves 30 para unha fotografía entre as 11.00 e as 11.10 horas ante a fachada do centro. Pola súa parte, en Filosofía, entre as 12.00 e as 12.30 horas, o alumnado tamén está chamado a posar no vestíbulo da Facultade. Asemade, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, entre as  12.50 e as 13.10 horas darase lectura, no exterior do centro ou no Salón de Actos, se o tempo así obriga, a unha escolma de afirmacións extraídas do texto que Concepción Arenal presentou ao Congreso Pedagóxico de 1892 baixo o título ‘La educación de la mujer’. O venres 31, será a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en Lugo a que acollerá unha performance en homenaxe á autora. Nesta iniciativa, colaboran as persoas encargadas da coordinación de igualdade dos respectivos centros.

Programa de actividades

O 31 de xaneiro de 2020 conmemóranse douscentos anos do nacemento de Concepción Arenal Ponte, diplomada en Dereito, escritora, xornalista, poeta e autora dramática á que a USC quere renderlle homenaxe cunha nutrida axenda de actos que servirá para reivindicar a súa figura dende unha perspectiva multidisciplinar. Nesta liña, a maxistrada emérita e ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, impartirá este venres 31, a partir das 13.00 horas, un relatorio na Facultade de Dereito da USC, baixo o título ‘Concepción Arenal hoxe’. Ademais, o reitor, xunto ao alcalde de Santiago, tomará parte ese mesmo venres, ás 12.30 horas, no acto de inauguración do busto de Concepción Arenal nos xardíns detrás do Pazo de Raxoi.

A Universidade traballa no desenvolvemento de diferentes iniciativas para homenaxear a esta xornalista, entre as que destaca unha exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’. O obxecto da mostra é achegar ao público a figura da escritura nas súas diferentes facetas e contextualizala na súa época. Permanecerá aberta ao público no Salón de Graos e na capela gótica do Colexio de Fonseca ata outubro. O material exposto procede dos fondos propios da USC, depositados na Biblioteca Universitaria, así como doutras institucións como o Museo de Pontevedra, Arquivo do Reino de Galicia, Cruz Roja Española, Fondo Guillermo Escrigas, así como da colección familiar. A profesora María Paz García Rubio será a comisaria da mostra, da que tamén formarán parte como equipo técnico María Alén e Ramón Pinal. Ademais do material expositivo exhibido, está previsto o desenvolvemento dun programa educativo en colaboración co Concello de Ferrol en forma de unidades didácticas para centros.

A celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente. O congreso quere dar cabida a enfoques diversos -xurídicos, sociolóxicos, literarios, históricos, ou pedagóxicos- que estuden ben a figura da propia Concepción Arenal, ben aspectos da súa obra e actividades ou ben poñan en relación o seu papel con debates científicos sobre os ámbitos aos que ela dedicou a súa vida. 

Música e literatura

Outro dos elementos deste bicentenario será a expresión artística materializada nun ciclo de concertos, en cuxa concepción e desenvolvemento colabora o grupo de investigación Organistrum. O criterio na selección do repertorio estará guiado pola súa relación con Concepción Arenal desde diferentes ángulos: compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán ou obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos. Dada a importancia dentro do feminismo de Concepción Arenal, farase especial fincapé en incorporar compositoras e intérpretes mulleres.

Asemade, a USC súmase á iniciativa do Ateneo Compostelá de acometer a publicación dunha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, textos seminais para entender o pensamento feminista da autora ferrolá. Esta edición contará cun estudo introdutorio a cargo da profesora Carmen Blanco da Facultade de Humanidades. Nesta mesma liña, a Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso.

Baixo a asesoría do departamento de Historia da Arte estase a traballar no deseño dunha intervención escultórica a modo de vitor. Ademais, impulsarase o premio ‘Concepción Arenal’ en Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades. Un ciclo de conferencias a celebrar ao longo do ano por especialistas na figura da escritora en colaboración con foros cidadás; así como a colaboración con Institucións Penitenciarias para a difusión do pensamento de Concepción Arenal nos cárceres; e algunha intervención do eido teatral completan o programa de actividades.

Share.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial