займ срочно

Ciberacoso, o enemigo oculto

0

Compostela, 27 de xaneiro do 2020 – Unha investigación da USC evidencia que só un 6% dos proxenitores sabe que os seus fillos foron vítimas de ciberacoso

Leticia López-Castro analizou a incidencia do ciberacoso en 1169 familias con fillos en Educación Primaria nun total de 26 centros educativos de Galicia

As familias descoñecen o que fan os menores cando acceden á rede, por máis que estes se conecten na casa, tal e como conclúe a investigadora do grupo Esculca da USC, Leticia López-Castro, no marco dun traballo sobre a prevención deste fenómeno no eido doméstico. Neste senso o traballo conclúe que só un 6% dos proxenitores sabe que os seus fillos foron vítimas de ciberacoso.

“Se ben maioritariamente as investigacións previas centráronse na incidencia do fenómeno en educación secundaria, esta tese permite achegar datos que reflicten a existencia de situacións de ciberacoso dende idades temperás”, sinala a autora. As análises realizadas revelan que no fogar familiar o 72% dos nenos e nenas emprega de maneira cotiá a tableta para conectarse a Internet, e unha porcentaxe superior ao 50% accede á rede co ordenador portátil ou usando o teléfono móbil.

Asemade, o 41% dos proxenitores informa de que os menores conéctanse diariamente e unha porcentaxe similar faino dúas ou tres veces por semana. Afondando nos tempos, estes nenos e nenas adoitan conectarse durante menos dunha hora, tal e como sucede en algo máis da metade dos casos analizados; ou entre unha hora e dúas, no 40% dos casos. O 5% das familias informa dun acceso diario a internet que supera as tres horas.

Alfabetización dixital para os proxenitores

“As achegas do traballo permiten trazar os eixos chave que deben orientar os programas de educación parental que traten de contribuír á prevención do ciberacoso dende idades temperás”, apunta López-Castro. “Ademais de incidir na alfabetización dixital dos proxenitores, cómpre dotar ás familias de competencias que lles permitan regular o uso das tecnoloxías da información e a comunicación que realizan os seus fillos e fillas”, subliña. O establecemento de relacións máis estreitas co centro escolar e os seus profesionais constitúe outro dos elementos que a investigación destaca como esencial.

A través dun enfoque metodolóxico mixto, no que se combinaron técnicas e instrumentos de natureza cuantitativa e cualitativa, e baixo a dirección da profesora Diana Priegue Caamaño, esta investigación analiza en profundidade a relevancia adquirida polos dispositivos tecnolóxicos na contorna familiar e o seu impacto na vida cotiá familiar, atendendo de maneira particular ás mudanzas acontecidas nas relacións filioparentais. Precisamente a autora trata de recoller os desafíos educativos que implica a xestión da tecnoloxía no seo familiar dando conta dunha situación de desconcerto parental que precisa ser atendida polos investigadores sociais.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal desta tese de doutoramento con mención internacional que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude, estivo presidido por Miguel A. Santos Rego, catedrático da USC; a profesora Armanda Pinto da Mota Matos da Universidade de Coimbra, que actuou como vogal; e Antonio Valle Arias, catedrático da UDC.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies