O Museo de Historia Natural da USC recupera o esqueleto dunha balea azul

0

Compostela, 14 de outubro do 2019 –  Un exemplar da grande balea azul, Balenoptera musculus, acaba de ingresar nas coleccións zoolóxicas do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.

A balea azul é o animal máis grande que poboou e poboa o planeta Terra, pois pode superar facilmente os 30 metros de lonxitude e as 100 toneladas de peso. É precisamente un esqueleto desta especie o que preside actualmente o vestíbulo principal do Museo de Historia Natural de Londres.

Parte do esqueleto da balea

Parte do esqueleto da balea

Actualmente, en colaboración con diversos especialistas do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), o Museo de Historia Natural da USC está procedendo ao seu estudo e recomposición. As análises moleculares dos fragmentos óseos, así como outro tipo de estudos, ademais de permitir ratificar a identidade do exemplar, proporcionarán ao persoal científico información moi valiosa sobre as características biolóxicas desta especie, que na actualidade está seriamente ameazada.

Debido á grande envergadura do esqueleto, o deterioro de moitas das pezas e o gran custe económico que suporía a súa completa recuperación, non parece viable polo momento abordar a súa restauración e montaxe, pero estase a estudar o proxecto de ofrecer no futuro a visitantes do Museo a posibilidade de contemplar nas súas salas permanentes algúns dos elementos máis destacables do esqueleto deste impoñente animal.

Historia

O esqueleto do Museo compostelán pertence a unha balea que, segundo as crónicas da época, foi recollida en 1876 por un falucho de Bouzas, cando flotaba morta na ría de Vigo, a algunha distancia das illas Cíes. Conducida á praia de Bouzas, foi contemplada esa mesma tarde por máis de 2.000 persoas. O esqueleto foi posteriormente doado á USC e pasou a formar parte das antigas coleccións de Zooloxía do gabinete de Historia Natural (xerme do actual Museo). Alí foi artesanalmente montado sobre columnas de fundición e exhibido durante algún tempo nos xardíns da Universidade. O esqueleto pertence a un exemplar xuvenil, duns 25 metros de lonxitude. Está aceptablemente completo, salvo unha serie de vértebras caudais e algunhas pezas illadas, aínda que con síntomas de deterioro de moitas pezas tras o seu montaxe e exposición á intemperie e o seu posterior almacenamento durante un longo tempo.

Xa a comezos do século XX, posiblemente con motivo do nacemento do Museo de Historia Natural en 1906 e a súa instalación nun novo emprazamento, o esqueleto foi desmantelado e almacenado no propio xardín. Xa en décadas recentes, decidiuse o seu traslado ao Museo do Pobo Galego, onde estivo custodiado, ata o seu retorno agora ao Museo de Historia Natural.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial