Erasmo de Róterdam na Compostela do século  XVI

0

Compostela, 25 de xaneiro do 2020 – A exposición ‘Erasmus  Compostellanus: As obras de  Erasmo de  Róterdam, na Compostela do século  XVI’ alberga na capela do Colexio de Fonseca, unha selección representativa do legado deste humanista tal e como se conserva no fondo histórico da USC.

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidiu o acto inaugural da mostra sobre Erasmo de Róterdam. Na cita tamén participaron María Isabel Casal Reyes, directora da Biblioteca Universitaria da USC; e os comisarios da exposición Jorge Ledo Martínez e Justo Carnicero Méndez-Aguirre.

Dende o comisariado da mostra destacan que “Algúns dos exemplares expostos son pezas únicas en España, como sucede coa súa edición de Oictys Cretensis, que pertenceu á biblioteca particular de Don Jerónimo de Acevedo, terceiro conde de Monterrey”.

“A través dos seus ex libris, cada un destes exemplares mostra a enorme variedade de lectores e de expectativas de lectura que concitaba a obra de Erasmo: desde os máis xerais selos de pertenza a colexios da Compañía de Xesús, pasando por célebres propietarios como o licenciado Molina -autor da Descripción de Galicia-, ata chegar a fray Diego de Zúñiga e ao doutor Frechilla, amigo íntimo de fray Luis de León, o primeiro, e membro do comité que valorou a heterodoxia do agustino, o segundo”, apuntan os comisarios da mostra. “Quizais resulte elocuente ao lector o feito de que sexan os exemplares dos denunciantes e dos membros de tribunais inquisitoriais os máis libres de marcas censoras”, sinalan.

A última vitrina da exposición está composta por unha pequena mostra de obras actuais que supuxeron un cambio na percepción do impacto e da importancia de Erasmo na coroa de Castela durante o Renacemento. Nela atópanse Erasmo y España de Marcel Bataillon, cuxa primeira edición apareceu publicada en 1937; a edición conmemorativa do estudo de Eugenio Asensio titulado El erasmismo y las corrientes espirituales afines. Conversos, franciscanos, italianizantes; a edición de Dámaso Alonso da tradución quinientista ao castelán do Enchiridion ou a anónima e hai pouco descuberta de Jorge Ledo e Harm den Boer do Encomium Moriae, que se fai acompañar pola tradución ao galego que a USC publicou en 2004 de Eloxio da loucura.

A mostra conta co apoio das Universidades de Santiago, A Coruña e Córdoba e manterase aberta ata o vindeiro 14 de marzo de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial