O grupo Histagra da USC documenta a loita estudantil contra o franquismo

0

Compostela, 12 de febreiro do 2020 – O grupo de investigación da USC Histagra ven de crear o DOAME, Documentación da Oposición Antifranquista e Movemento Estudantil da Universidade de Santiago.

Histagra recibe desde hai anos documentación de particulares relativa á loita estudantil na USC levada a cabo tanto durante a época franquista como na transición e na posterior etapa democrática. Este material foi o punto de partida para, en colaboración co Arquivo Histórico, construír o DOAME.

O grupo Histagra da USC documenta a loita estudantil contra o franquismoEste fondo pon en valor e a disposición das persoas interesadas “toda a información pública e privada xerada polo movemento estudantil entre 1960 e 2000”, afirmou este martes  o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto.  

Pasquíns, notas de prensa, discursos, apuntes varios, follas voandeiras, gravacións, fotografías e adhesivos, entre outros elementos relacionados co movemento estudantil e a súa historia, conforman Doame.

O reitor Antonio López, e a directora do Arquivo Histórico Universitario da USC (AHUS),  Désirée Domínguez Pallas, acompañaron a Fernández Prieto, nun acto público que serviu para dar a coñecer os materiais cos que conta este fondo documental e que permanece aberto a futuras doazóns. O reitor quixo subliñar na súa intervención que DOAME constitúe “unha riqueza e un patrimonio fascinante”.

Na actualidade, cinco fondos nutren a DOAME, entre eles, o Fondo Rodríguez Holguín que conta con material das asembleas dos Comités Abertos da Facultade (CAF) dos anos oitenta e principios dos noventa. Pola súa parte, o Fondo Martínez Rivas consta de documentación dos CAF e das eleccións da USC; mentres que o Fondo Monterroso Devesa está conformado por documentos políticos e de propaganda do Partido Socialista Galego (PSG). O Fondo Fernández Prieto con documentación dos anos oitenta relativa a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), Comisión Intersindical Galega (CIG), Sindicato Galego do Ensino ea Investigación (SGEI), Adiante e CAF; e o Fondo García del Río con xornais clandestinos de oposición do Partido Comunista de Galicia (PCG), completan o material depositado en DOAME.

Proceso aberto

Atendendo á importancia da documentación recibida, Histagra depositou a colección no AHUS para a súa correcta custodia, organización e conservación, así como a súa posta a disposición como fonte de investigación histórica. Con todo, este é un procedemento aínda aberto xa que as persoas interesadas en doar materiais poden poñerse en contacto con Histagra que será o receptor da documentación cedida para despois de inventariada cederlla para a súa custodia e acceso público ao AHUS, garante da non dispersión do fondo así como facilitador das consultas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial