Valente e a unidade das artes, nova mostra no Colexio de Fonseca

0

Compostela, 7 de novembro do 2019 – A exposición ‘Valente e a unidade das artes’ fai visible dende esta tarde a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC.

O patrimonio da Universidade está conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. O director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. 

José Ángel Valente (Ourense, 1929 – Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.

En consonancia coa súa crenza na unidade das artes, Valente publicou moi importantes libros de artista con diversos pintores e escultores europeos, cuxas contribucións se expoñen agora completas: Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza e, sobre todo, Antoni Tàpies, o autor con quen máis veces colaborou e a que se debe o logotipo da Cátedra Valente. Este diálogo perdurou tras a súa morte, pois a súa esposa Coral, Leopoldo Nóvoa ou Rafael Pérez Carrió editaron postumamente, con versos do poeta, libros de artista que tamén se expoñen completos.

“Cando Valente fala de arte, faino, obviamente, sobre arte e sobre artistas, pero tamén sobre poesía e incluso sobre si mesmo. Acaso porque arte e poesía poden chegar, en esencia, ao mesmo coñecemento e incluso polos mesmos camiños, só que con instrumentos diferentes. Este é o reto dos libros feitos por Valente en colaboración con artistas e este é o seu sentido último, a súa razón de ser e o que os individualiza como obras únicas alén da simple superposición duns textos e dunhas imaxes”, conclúe Rodríguez Fer.

Acto inaugural

A vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; Gumersindo Guinarte, tenente de alcalde do Concello de Santiago de Compostela; e Salvador García-Bodaño, poeta e presidente do Ateneo de Santiago, inaugurarán a mostra esta tarde ás 20.00 horas, no Colexio de Fonseca. En horario de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, poderá visitarse esta mostra que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 4 de xaneiro.

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, fundada no ano 2000 e dirixida polo profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do seu amigo ourensán, publicou xa unha vintena de libros contando cada un cunha ilustración debida a artistas vinculados persoal ou esteticamente con Valente, como Coral, Baruj Salinas, Sara Lamas, Leopoldo Nóvoa, Menchu Lamas, Antón Patiño, María José Santiso, Carlos Schwartz, Lola Valls, Antón Sobral ou Alejandro Vidal, pezas asemade expostas, á que se engadiu ademais obra orixinal dalgúns dos autores citados e de vellos amigos do poeta, como o seu conterráneo Virxilio.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial