Renovación no equipo de goberno da USC

0

Compostela, 10 de marzo do 2020 – O reitor da USC, Antonio López Díaz, vén de anunciar a reestruturación do goberno da universidade coincidindo coa cercanía do ecuador do mandato.

Tras dous anos de traballo o equipo de goberno da USC impulsa cambios para reforzar áreas concretas con fin de consolidar as liñas marcadas en estes 24 meses.

Dúas das novidades desta reestruturación son a incorporación de caras novas ao equipo de goberno. Trátase de María José López Couso, ex decana (2012-2020) da Facultade de Filoloxía e ex presidenta do Colexio de Decanas/os e Directoras/es de Centro da USC (2014-2019), que liderará a Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional; e Jacobo Limeres Posse, ex director do Departamento de Estomatoloxía (2013-2016), e ex vicedecano de Odontoloxía da Facultade de Medicina e Odontoloxía (2017-2020), que se encargará de liderar a Vicerreitoría de Calidade. Estas incorporacións e reestruturación teñen como obxectivo impulsar áreas estratéxicas que nos próximos anos enfrontarán desafíos determinantes para a USC como son o deseño e implementación dunha oferta de titulacións que dea resposta ás demandas da sociedade actual e os que corresponden ao ámbito da calidade, cuestión esta última capital en termos de cumprimento para coa comunidade universitaria. Ademais, o reitor asumirá a comunicación institucional dende o recentemente creado Gabinete do Reitor.

Con todo, a reestruturación proposta e comunicada polo reitor conta tamén cunha vontade de adecuación das áreas existentes aos desafíos que a USC enfrontará nos próximos anos e busca reforzar a súa posición no ámbito da igualdade ao tempo que potencie as áreas de extensión universitaria, cuestións que afectan de xeito directo a toda a comunidade universitaria e tamén á sociedade galega, á que a institución se debe.

Este impulso que colle forma de reestruturación de equipo de goberno quere ser tamén unha motivación máis para afrontar un futuro a curto prazo complexo e desafiante que inclúe a negociación dun novo Plan de Financiamento coa Xunta de Galicia e que debe  levar á USC a definir e asentar o seu liderado baseado tamén na transparencia e rendición de contas á sociedade galega, á que se debe.

Deste xeito, a nova estrutura por áreas do goberno da USC queda do seguinte xeito (por orde alfabética e sen incorporar á Xerencia e Secretaría Xeral):

Vicerreitoría de Calidade

Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo

Vicerreitoría de Estudantes e Proxección Internacional

Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos

Vicerreitoría de Investigación e Innovación

Vicerreitoría de Organización Académica

Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade

Vicerreitoría de Profesorado

Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional

O reitor quere, finalmente, agradecer o traballo realizado a Victoria Otero Espinar, ata o momento Vicerreitora de Titulacións, polos servizos prestados á institución.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial