A USC traballa nunha vacina contra o Covid19

0

Compostela, 12 de maio do 2020 – A Universidade de Santiago traballa para desenvolver e avaliar unha nova vacina contra o Covid19.

O proxecto de investigación, que lidera a catedrática da USC María José Alonso, tratará de inducir respostas  inmunitarias de longa duración fronte ao Covid19. Na investigación participa tamén o grupo dirixido pola catedrática da Universidade Mabel Loza.

O obxectivo destes laboratorios é o de producir un vehículo sintético baseado en  biomateriais  inocuos e capaz de transportar o ácido ribonucleico mensaxeiro (ARNm) ao interior das células dianas, de modo que logre a produción do  antíxeno no organismo humano. O proxecto acaba de ser financiado polo Departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya e o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII).

María José Seoane

As vacinas tradicionais están formadas por doses pequenas ou inactivadas do organismo causante da enfermidade, ou as proteínas que produce, que se introducen no corpo para provocar que o sistema inmunitario xere unha resposta. Pola contra, as vacinas de ARNm “enganan” ao corpo para que produza algunhas das proteínas  virais, utilizando para iso ácido ribonucleico mensaxeiro, que contén “instrucións” para construír unha proteína. Para producir unha vacina de ARNm, os científicos crean unha versión sintética do ARNm que un virus usa para construír as súas proteínas infecciosas. Este ARNm entrégase ás células, que o len para construír esa proteína  viral. O sistema inmune detecta estas proteínas virais e comeza a producir unha resposta defensiva fronte a elas. O consorcio internacional traballará nunha “alternativa prometedora fronte vacinas convencionais polo seu gran potencial, rápido desenvolvemento, fabricación a baixo coste e administración segura”, explica a profesora Alonso.

O proxecto

Para o desenvolvemento desta vacina, o equipo de investigadores utilizará métodos  computacionais para identificar as partes do virus que sexan capaces de provocar unha resposta notable no sistema inmunitario. Seguidamente, procederase á fabricación da molécula ARNm máis prometedora e, por último, á súa incorporación nun  vector  viral ou sintético, co fin de garantir a estabilidade do ARN e favorecer a súa chegada efectiva ao sistema inmunitario. Concretamente, neste proxecto, o equipo liderado por María José Alonso terá como misión o desenvolvemento de vehículos que simulan virus artificiais para a protección e transporte do  ARNm á célula diana.

O equipo que encabeza María José Alonso dedicou tres décadas de esforzo ao desenvolvemento de novas vacinas, contando co financiamento da Fundación Bill e  Melinda Gates, a Organización Mundial da Saúde, o Instituto de Saúde Americano (NIH), o Ministerio de Ciencia e Innovación, e a Consellaría de Economía e Competitividade da Xunta de Galicia. Nesta liña, destaca o recente desenvolvemento dunha vacina contra a sida, en colaboración con investigadores americanos e canadenses, que deu lugar a resultados prometedores en macacos. María José Alonso forma parte do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).

O proxecto é parte dun consorcio internacional liderado polo Institut d’Investigacions Biomèdiques August Pi i Sunyer (IDIBAPS) e conta coa colaboración da Universidade de Barcelona, o Institut de Recerca Biomèdica (IRB), a Universidade Pompeu Fabra, o Centro Nacional de Biotecnoloxía (CSIC) e a Universidad Libre de Bruselas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial