A USC pecha as súas instalacións desde hoxe luns

0

Compostela, 16 de marzo do 2020 –  A partir de hoxe luns, 16 de marzo, todas as instalacións da universidade permanecerán pechadas, agás as residencias universitarias que manterán servizos básicos, tal e como establece a resolución reitoral aprobada este sábado pola USC.

As medidas aprobadas pola USC xorden como resposta á situación de Emerxencia Sanitaria declarada o venres polo Consello de Xunta de Galicia e á declaración de Estado de Alarma por parte do goberno estatal.

Ordénase asemade o peche de todas as cafeterías, a excepción daquelas que se sitúen en colexios e residencias universitarias onde permaneza alumnado aloxado, que deberán limitar a súa actividade única e exclusivamente ao alumnado residente e ao persoal que se atope prestando servizo nesa instalación. No resto de instalacións e co único fin de que o persoal retire o material necesario para desenvolver as súas funcións de xeito non presencial, o luns 16 os edificios abrirán de 9:00 a 14:00 horas. O tempo de permanencia no edificio reducirase ao mínimo indispensable para ese fin, evitando a aglomeración de persoas.

Permanecerán abertas ao público as oficinas de asistencia en materia de rexistro en tanto non se dispoña o contrario procurando en todos os casos nos que sexa posible a tramitación telemática e a atención telefónica dos procedementos.

Comité de crise

A resolución reitoral contempla asemade a creación dun comité permanente, formado por membros da Reitoría, da Secretaría Xeral e da Xerencia para o seguimento da situación e a adopción de cantas medidas sexan necesarias durante o tempo que se prolongue o estado de alarma. Por medios telemáticos e por vía telefónica manterase un contacto continuo co resto de membros do equipo de goberno e co resto de cargos cos que se precise.

Persoal

Hoxe luns determinaranse tamén o resto de servizos e unidades que, para manter a súa actividade, requiren da presenza de persoal e, polo tanto, o persoal que disporá de autorización para acceder ás instalacións da Universidade. Todas as persoas traballadoras da USC deberán estar localizables por vía telefónica para o que facilitarán a información necesaria aos seus responsables directos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial