Google terá unha canle dedicada ao Camiño de Santiago

0

Compostela, 6 de maio do 2020 – A Xunta de Galicia e Google colaborarán na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago coa creación dunha canle de contidos.

O proxecto foi presentado no marco da reunión do Consejo Jacobeo, onde convidou ao resto das comunidades a sumarse á iniciativa. Google e a Xunta están xa a definir as liñas de traballo de cara á proxección do Xacobeo 2021.

Google Arts&Culture

Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural estrela de Google, e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grande escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de  interese cultural coa tecnoloxía Street View. Google está planificando o inicio das gravacións baixo a coordinación da Xunta, través da Amtega e a Consellería de Cultura e Turismo.

Chegada ao Monte do Gozo en Google Street View

 

Ata o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial. O seu papel como elemento vertebrador de Europa trasládase así a novas contornas que, como está a demostrar a actual crise sanitaria, é un ámbito privilexiado para o uso, consumo e desfrute cultural, así como un punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme.

Seguridade e planificación

Este foi un dos temas abordados na Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, celebrada a petición de Galicia e que serviu para avanzar na posta en común de medidas para a reactivación do Camiño de Santiago de maneira coordinada a nivel estatal. Neste sentido, a Xunta atopou consenso na súa proposta de crear un protocolo de medidas sanitarias específico para a Ruta Xacobea, que se desenvolverá a través do Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), con quen a Consellería de Cultura e Turismo está xa a traballar.

Tamén se coincidiu na petición galega de ampliar as desgravacións fiscais polo Ano Santo durante todo o 2022, unha medida que polo de agora abarca só ata o 30 de setembro de 2021, e que estimularía os recursos privados e multiplicaría a súa repercusión, tal e como explicaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, como representantes da Xunta de Galicia.

Igualmente, anunciaron a posta en marcha dunha nova iniciativa que permitirá mellorar as destrezas comunicativas en idiomas dos profesionais que traballan no Camiño. Para iso, ofreceranse conversas online con peregrinos de distintas partes do mundo que, ademais de mellorar as competencias lingüísticas, farán posible intercambiar experiencias.

Voluntarios de catro países

O programa de conversas está especialmente deseñado para albergueiros e persoal responsable dos establecementos vinculados ao Camiño. Estableceranse conversas inicialmente en inglés –con posibilidade de estendelo a outros idiomas– con voluntarios de asociacións de amigos do Camiño de países de fala inglesa (Reino Unido, Estados Unidos, Sudáfrica e Canadá) ao redor de temática xacobea e vinculada ao Camiño de Santiago.

As persoas interesadas poden apuntarse de xeito gratuíto e obter máis información en www.caminodesantiago.gal/conversas-en-ingles. Deberán contar cos medios tecnolóxicos axeitados, unha dispoñibilidade de tempo que contemple os diferentes fusos horarios noutros continentes e un nivel mínimo de inglés que permita practicar unha conversa.

Traballo en marcha

Desde Galicia, expúxose o traballo en marcha co obxectivo de impulsar o Xacobeo 2021 como un elemento de reactivación económica. Entre elas, atópase a creación dun grupo de expertos, que se reunirá por primeira vez esta mesma semana, composto por membros de asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros. Froito da súa análise, elaborarán unha folla de ruta que permita reorientar o Xacobeo 2021 para que sexa un motor que favoreza a dinamización do rural e potencie as industrias cultural e turística.

Ademais, a Xunta traballa xa coa Universidade de Santiago, a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), na elaboración dun estudo sobre o impacto da crise sanitaria no Camiño, unha ferramenta indispensable para orientar as políticas públicas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial