Sexta edición do Festival WOS

0

Compostela, 4 de setembro do 2019 – Onte era presentada na terraza do Pazo de Raxoi a sexta edición do Festival WOS, unha referencia en Europa en canto a festivais de música electrónica e vangarda audiovisual.

O WOS conta co apoio do concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o AGADIC e a Xunta por medio da marca Fest Galicia. Celebrarase entre o mércores 11 e o domingo 15 de setembro, enchendo durante as cinco xornadas a cidade con preto de medio centenar de actividades.

presentación Festival WOSO cartel troncal de música e artes visuais e tecnolóxicas desta edición inclúe nomes destacados como Loscil, Drew McDowall, Holly Herndon, Rafael Anton Irisarri, Plaid, Amnesia Scanner ou Gazelle Twin, entre outros. Ademais, catro subprogramas complementan o cartel musical do evento: un programa de paneis de discusión e encontros con artistas de acceso gratuíto, un ciclo de cinema en torno á arte sonora e a exploración musical, dúas noites de clube, e un evento orientado a mostrar o traballo de artistas galegos destacados no campo da creación contemporánea.

A presentación contou coa participación de Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón, Concelleira de Acción Cultural e Tenente Alcalde en representación do Concello de Santiago de Compostela; Jacobo Sutil en representación de AGADIC; Anxo M. Lorenzo Suárez, Director Xeral de Políticas Culturais en representación da Cidade da Cultura; Víctor Mantiñán, responsable de Patrocinios Música en representación de SON Estrella Galicia, que desde o ano pasado apoia o proxecto vinculando o seu nome ao do festival como patrocinador principal, e Iván Arias, director da axencia Work On Sunday.

Gañador de senllos premios pola súa edición do ano pasado ao Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e á Mellor Promoción Turística nos Iberian Festival Awards, a organización destaca como principais protagonistas da cita a importancia da cidade e os seus espazos, así como as experiencias únicas que posibilitan para cada asistente. O deseño do festival ten moi presente a riqueza que ofrece Compostela e busca ofrecer ao público unha experiencia que non é posible atopar en ningún outro sitio.

O festival engade esta edición dous espazos novos: o Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, unha sala barroca construída no século XVIII e reservada para actos solemnes, que acollerá o concerto inaugural a cargo da pianista Mariña Herlop, e a sede de Afundación, no edificio catalogado de Interese Cultural Casa Grande Do Pozo, que acollerá unha parte do programa de charlas. Repiten un ano máis como sedes do festival o Centro Galego de Arte Contemporánea – CGAC, a Cidade da Cultura, a Fundación Eugenio Granell, o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Igrexa da Universidade, o Mercado de Abastos, a Sala Capitol, a Sede da Fundación SGAE e a sala de cinema independente NUMAX.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial