O Consorcio de Santiago remata as obras na igrexa de San Pedro de Busto

0

Compostela, 9 de febreiro do 2018 – No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, interveuse na igrexa de San Pedro de Busto, do século XII, situada na parroquia de Busto.

O Consorcio destinou a San Pedro de Busto un orzamento de 35.385,46 euros. O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Xosé Allegue, explica que “realizáronse as obras necesarias para lograr a mellor conservación do inmoble, que, ao carecer de canlóns nalgunhas das súas fachadas, presentaba problemas derivados da acción das escorrentías da cuberta así como da salpicadura da auga dos aleiros contra a fachada”.

Así, saneáronse as fachadas e a torre do campanario. Limpáronse as revocaduras en mal estado e repintáronse con pintura de silicato. Tamén se limpou a pedra. E, co fin de evitar que se reproduza o problema das escorrentías da cuberta sobre os novos paramentos, instalouse un canlón e baixantes de cobre, que conducen directamente a auga da cuberta á rede de drenaxe existente, para o que se procurou afectar o menos posible á imaxe das fachadas do edificio.

A intervención no tellado e na casa reitoral

Resultaba prioritario substituír as tellas da cuberta, xa que, ao estaren simplemente apoiadas sobre os cangos, levantábanse cada vez que había temporal, provocando a entrada de auga ás bóvedas e ás revocaduras da nave, e poñendo en perigo a imaxinería e os retablos do templo. “O retellado fíxose con ganchos longos que permiten un maior solapamento da tella, polo que se aportou tella vella idéntica á existente para compensar a superficie total. Isto dificultará a entrada de filtracións de pluviais” -sinala o arquitecto-.

Por outro lado, o lucernario de carpinteiría de aluminio de acceso á cuberta non permitía a ventilación e xeraba problemas de condensación cara ao interior, polo que se substituíu. E no edificio da casa reitoral a fábrica de pedra da esquina sueste estaba desmontada por efecto do vandalismo, de xeito que se reconstruíu para recuperar o seu estado orixinal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial