ContraMINAcción denuncia que os informes presentados para avalar a reapertura de San Fins están plaxiados e manipulados

0

Lousame, 1 de xullo do 2019 – A vintena de colectivos agrupados na rede ContraMINAcción acaban de denunciar que os informes presentados pola concesionaria mineira de San Fins ante a Dirección Xeral de Minas están presuntamente plaxiados e manipulados.

Os informes, según ContraMINAcción, baséanse nun documento elaborado por un equipo da Universidade de Santiago dirixido por Felipe Macías. O documento intenta exculpar de responsabilidade a empresa en relación aos impactos ambientais causados pola mina no pasado e no presente e, ao mesmo tempo, da administración, que, según o colectivo os debería ter evitado.

ContraMINAcción  explica que “O primeiro dos informes asinados polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez, está repleto de plaxios de traballos doutros autores, que se manipulan sen pudor, e mesmo parágrafos enteiros copiados sen citación de blogs anónimos de Internet. O informe fabrica sen calquera base un suposto fondo natural de metais para os principais metais contaminantes que verte a mina (cadmio, cobre e cinc) e aínda recorre a fenicios, romanos, ‘picheleiros’ e ao mesmo Almanzor para repartir culpas”.

En 2017 a concesionaria do Grupo Sacyr que explota a mina de San Finx decidiu recorrer a Macías para tentar dar resposta as alegacións presentadas contra a tentativa da mineira. A empresa quería verter millóns de metros cúbicos de augas contaminadas por metais pesados no río San Fins, situado apenas 6 km augas arriba da ría de Muros e Noia. As alegacións deixaron en evidencia que  o método de “tratamento” inicialmente proposto e as verteduras provocarían un agravamento crítico da situación de contaminación.

Dous informes de réplica encomendados pola Alcaldía do Concello de Muros e a Asociación Verdegaia, e que agora se fan públicos, puxeron en evidencia os extensos plaxios, carencia absoluta de metodoloxía e graves manipulacións de datos no informe entregado á empresa por Felipe Macías. Entre os textos plaxiados encóntrase un blog anónimo de Internet e un traballo presentado polo que foi director da mina nun congreso da Universidade Politécnica de Madrid.

Un primeiro informe de réplica realizado por sete técnicos, incluíndo o Doutor en Xeofísica Steven H. Emerman, que esta mesma semana realizou unha nova inspección da mina San Finx, desmontou a tese dun suposto fondo natural de metais explicando os impactos actuais da minería. Un segundo informe de réplica, realizado polo Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga André Pena, ocupouse de mostrar non só a burla que representan os argumentos “históricos” presentados por Macías, senón o modo en que estes foron abertamente plaxiados de distintas fontes.

Os argumentos achegados por Felipe Macías non só favorecen os intereses privados da concesionaria do Grupo Sacyr, mais tamén se esgrimiron pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, cuxo Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces se encontra imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental precisamente por ter supostamente facilitado a contaminación causada pola mina San Finx desde a súa reapertura en 2009. No mes de xaneiro de 2019, a propia Dirección de Minas remitiu á ONU a tradución ao inglés de partes dun segundo informe asinado por Felipe Macías, na tentativa de defender ante este órgano a inexistencia de contaminación mineira.

A gravidade dos feitos, non só desde o punto de vista da ética científica, senón tamén pola gravidade das implicacións ambientais e penais que suporía aceptar as teses deitadas por Macías, fai que os colectivos de ContraMINAcción demanden á Universidade de Santiago que retire a condición de profesor emérito a Felipe Macías tras a investigación dos feitos, e revise a relación contractual coas restantes persoas responsables do informe, no suposto que teñan algunha: Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García (fillo do profesor Felipe Macías), Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas. Na medida en que Felipe Macías Vázquez tamén asina os informes como membro da Academia Francesa de Agricultura, demandarán igualmente a esta institución a súa expulsión.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial