O CPI Cernadas de Castro xa ten patio cuberto

0

Lousame, 22 de marzo do 2018 – Ovidio Rodeiros, delegado territorial da Xunta na Coruña, visitou o CPI Cernadas de Castro de Lousame para comprobar o resultado dos traballos realizados nas pasadas semanas para a construción dun patio cuberto, cun investimento de algo máis de 62.000 euros.

Na visita ao Cernadas de Castro o delegado estivo acompañado pola alcaldesa, Teresa Villaverde; a directora do centro, Pilar Cobas; o xefe Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana; e a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo.

O CPI Cernadas de Castro, que conta con máis de 300 alumnos e alumnas de infantil, primaria e secundaria, vén de incorporar tamén unha soleira para este patio, que se une a unha reparación do sistema de saneamento e un separador de graxas na cociña. Unhas actuacións solicitadas pola comunidade escolar e que, sumadas á construción do patio cuberto, aumentan o investimento realizado pola Xunta a preto de 80.000 euros. Ao longo dos anos 2015 e 2016 cambiouse por completo a cuberta do edificio antigo co colexio, eliminando o fibrocemento orixinal e substituíndoo por panel sándwich, co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria completou unha ampla intervención na mellora e posta a punto desta infraestrutura educativa lousamiá.

Case 170.000 euros

Ovidio Rodeiro subliñou que “a Xunta está a facer un enorme esforzo nos seus propios centros cunha constante preocupación por aproveitar cada euro dos que se reservan para o mantemento e mellora das instalacións. Nos últimos 4 anos, a Xunta investiu case 170.000 euros neste colexio e estas obras redundan na mellora estética e da confortabilidade para os alumnos e profesores, creando un entorno axeitado para o desenvolvemento da actividade educativa”. Rodeiro apuntou que o CPI Cernadas de Castro é “un centro modélico na forma de traballar, en como xestiona o día a día e como se implican o colexio, o Concello e a ANPA. E iso vese na gran cantidade de actividades que ten este centro”.

Pintado do patio

A alcaldesa de Lousame agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia porque “había moitas necesidades e cada ano se foron pedindo cousas e se foron facendo: a cuberta do centro, este patio cuberto, que era tamén unha demanda dos pais e nais. E tamén coa construción dun parque infantil, que contou cunha achega municipal”. Teresa Villaverde indicou que “agora con este novo chan e a cubrición nótase moito máis a necesidade de darlle unha man de pintura ás paredes. Lavaremos e pintaremos este espazo e estudaremos acondicionar un patio interior para o alumnado de infantil”. Neste sentido. Villaverde incidiu en que “dende o Concello seguiremos colaborando na medida do posible” porque “estamos moi orgullosos de ter en Lousame un centro educativo tan dinámico porque iso repercute na educación dos nosos nenos e nenas. E iso é prioritario para o Concello de Lousame”.

Finalmente, a directora do colexio, Pilar Cobas explicou que “temos máis de 300 alumnos e temos dúas quendas no comedor, polo que hai un tempo de 50 minutos no que os nenos de infantil e primaria teñen que estar no patio e tiñamos moitos problemas coa choiva. Agora xa temos a posibilidade de que xoguen a cuberto e se poidan airear”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies