“O crebanoces” de Chaikovski coa compañía Per Poc e a Real Filharmonía

0

Compostela, 6 de novembro do 2018 – A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de Primaria, o xoves 8 e o venres 9, ás 11:00 horas no Auditorio de Galicia co Crebanoces de Cahikovski.

O sábado, ás 18:30 horas, repetirase a actuación para o público infantil e familiar dentro do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. É a primeira das tres series de concertos didácticos que a orquestra ten programadas para esta tempada.

O concerto deste sábado servirá para dar visibilidade a Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela, que traballa para lograr a mellora da calidade de vida dos afectados por dano cerebral adquirido e das persoas do seu contorno. Enmárcase dentro do proxecto RFG Solidaria, co que se apoian diversas causas a través da música. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. Ao longo desta temporada a Real Filharmonía de Galicia dedicará varios concertos a apoiar a outras entidades, en particular á Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, Proxecto Home Galicia e a Fademga.

Un espectáculo de monicreques de fío e teatro de sombras

Nos tres concertos desta semana levará a batuta o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave, e contarase coa colaboración dos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais. Os escolares e as familias participantes nesta iniciativa terán a oportunidade de gozar coas pezas máis destacadas da partitura de O crebanoces de Chaikovski, unha adaptación do conto de Alejandro Dumas realizada por E.T.A. Hoffmann, que se levará a escena da man da compañía catalá de monicreques Per Poc.

Trátase dun espectáculo de monicreques de fío e teatro de sombras. Sobre o escenario aparecerá “un viaxeiro misterioso, un segredo, unha aventura a lombos da imaxinación, unha melodía que transporta os soños”. A música, as luces, as formas, os xogos e os fíos acompañarán aos protagonistas desta historia, que sorprenderá aos máis pequenos e tamén ás súas familias.

O crebanoces de Chaikovski é unha das partituras máis populares. Varias das súas melodías escóitanse con frecuencia na televisión e o cine, en especial durante a época do Nadal. Relata a historia de dous irmáns, Clara e Fritz. O día de Nadal o padriño de Clara regálalle un crebanoces pero o seu irmán rómpello. Durante a noite, a nena érguese a ver o seu xoguete xa amañado, abrázao e entón todos os xoguetes medran e cobran vida ao seu redor, levándoa a un mundo máxico.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial