Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew actuarán no IX Millarock

0

Ames, 15 de abril do 2019 –  A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación da novena edición do festival Millarock, que terá lugar o venres 2 de agosto e que contará cos grupos Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew.

O Millarock será o encargado de marcar o comezo das festas do Milladoiro. Esta será unha cita especial para os seguidores do grupo Nao, que se encontran inmersos na súa xira de despedida e que escolleron o Millarock como un dos seus últimos concertos. A banda, formada por Pablo Carracedo, Gustavo Brea, Antón Fernández e X. Ramón Iglesias; conta cunha traxectoria de trece anos marcada polo compromiso social e a súa forza no escenario. Durante o concerto, Nao interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, ao tempo que fará un percorrido polo seu último disco, titulado Ata que o lume se apague. Durante a presentación, o batería deste grupo estradense, X. Ramón Iglesias “Amós”, expresou a súa “satisfacción por actuar nun lugar onde non estiveramos antes” cun “cartel redondiño, integramente en galego e con moita presenza feminina”.

Por outra banda, tamén se contará coa actuación doutro dos grupos máis consolidados do panorama galego, Zënzar. A banda botou a andar no ano 1988 e conseguiu gravar a súa primeira maqueta en 1992. Dende entón percorreron todos os recunchos do país coa súa música. Na actualidade, o grupo está formado por Manolo García, Xosé A. Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira e Laura Romero, que se incorporou á banda tralo falecemento de José A. Regueiro ‘Tabe’ no 2016.

Ademais, Laura Romero, Paco Cerdeira e Xosé Bocixa ofrecerán tamén unha serie de charlas antes do concerto, nas que falarán de distintos aspectos da música, poñendo o aceno nos ámbitos que lles tocan de maneira máis directa. Así, Laura conversará cos asistentes sobre o seu proxecto Músicas galegas ilustradas, co que busca darlle visibilidade ás mulleres músicas de Galicia; mentres que Bocixa fará unha percorrido pola historia do rock galego e Paco falará de como viviu el a chegada a Galicia dende México e como trasladou ese cambio á música.

Asemade, esta edición do Millarock tamén contará coa actuación do grupo de rap, Dios ke te crew, que volve á escena musical despois dun tempo retirados. Formado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, esta banda de Ordes destaca polos seus directos e as súas letras cargadas de ironía, orixinalidade e unha música moi propia que mistura toques de rock, jazz ou funk.

O cartel completarao Cuarta Xusta, o grupo orixinario de Melide integrado por Marta, Lúa, Alberto, Alba e Aida. Cuarta Xusta xorde no ano 2016 e entra con forza no panorama musical galego mediante versións de temas coñecidos ata que, meses despois, deciden compoñer temas propios para dotar á banda de carácter propio que os levan a percorrer numerosos festivais ao longo de Galicia. Así comeza a preparación do seu primeiro traballo discográfico Un novo espertar, presentado o 10 de marzo do 2018, oito temas propios nos que cristaliza o seu obxectivo musical, “berrar con música as inxustizas que nos rodean”. Durante a presentación, Alberto García afirmou, xunto á súa compañeira Marta Sánchez, que para Cuarta Xusta formar parte do Millarock supón  “un auténtico honor poder coincidir con estas bandas e ver a xente que leva tantos anos arrasando polo país. Para nós é unha ilusión moi grande estar aí e poder participar niso”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial