займ срочно

David Santomil, concelleiro de educación de Ames, reprobado polo pleno (audios da sesión)

0

Ames, 28 de xaneiro do 2017 – O pleno de Ames aprobou a reprobación do Concelleiro de Educación David Santomil por 12 votos a favor e 9 en contra.

A reprobación é unha figura que non está recollida en ningún regulamento de funcionamento polo que o seu valor é simbólico e equivale a afearlle en público as súa conduta nun ou varios temas.

A moción solicitando a reprobación de Santomil foi presentada de forma conxunta polo partido Popular, Pacto x Ames e o concelleiro non adscrito Javier López actualmente en Vía Centrum e ex Cidadáns. A esta moción Ames Novo presentou unha emenda de substitución que ao ser admitida foi a que se debateu. As diferenzas entre a moción inicial e a emendada eran mínimas e tiñan que ver sobre todo coas frases relativas á tradición relixiosa da cabalgata; en esencia defendíase a tese de que non se podía obviar a tradición católica e que a cabalgata formaba parte dela ao representar a chegada dos Reis Meigos. A moción debatida centrouse sobre todo na tradición, sen entrar en detalles, da cabalgata, que se realiza en todos os concellos da contorna, pero tamén noutras cuestións como a non celebración da homenaxe a Maximino Viaño a pesar de ser aprobado en pleno hai un ano, o estado e as actividades das bibliotecas, os conflitos coas ANPAS e a falta de diálogo en xeral e as airadas respostas dadas ás queixas dos veciños.

Texto íntegro para descargar:  Enmenda de Substitución á exposición de motivos á Moción de Reprobación ao Concelleiro de Educación e Cultura

O concelleiro non adscrito Javier López foi o primeiro en intervir e tras explicar como ao longo do ano e medio de goberno David Santomil perdera toda a credibilidade dixo que o que máis lle molestou era a non celebración do acto homenaxe a Maximino Viaño. Este acto e o nomeamento de Viaño como cronista oficial foi algo aprobado en pleno hai un ano sen que ata o momento ningunha das dúas cousas se levaran a cabo.

A continuación tomou a palabra Isabel Baquero polo BNG quen quixo incidir nas cousas realizadas quitando importancia á non celebración da cabalgata

Ramón García de Pacto X Ames falou a continuación dun vaso de auga que aos poucos se vai enchendo ata que un último suceso, a cabalgata, consegue que se desborde. García incidiu na súa exposición no cúmulo de erros que ao seu xuízo cometeuse coa cabalgata.

Genma Otero interveu como portavoz de Contigo Pódese. Se na súa primeira quenda limitouse a defender a legalidade das contratacións na segunda realizou unha loa de David que sorprendeu aos que lembren a posición radicalmente antinacionalista que mantivo a formación nas eleccións.

Pilar Candocia foi a encargada de explicar a postura de Ames Novo. Dixo que para eles que fose David Santomil o primeiro en ser reprobado era inxusto xa que había concellerías que non fixeran nada. Candocia puxo o acento na “soberbia e prepotencia” de Santomil na resposta dada ás críticas recibidas pola súa xestión.

Polo partido socialista tomo a palabra Blas García que lembrou que a Xunta investiu durante este ano un millón de euros no concello, recoñeceu o labor de David Santomil aínda que recoñeceu que tanto goberno como oposición cometeran erros e dixo que a reprobación era tamén un erro.

Oliva Agra tivo a súa primeira intervención como nova portavoz do Partido Popular. Oliva lembroulle a Santomil as súas malas relacións coa comunidade escolar e os proxectos prometidos e non cumpridos

Chegou entón o momento da primeira intervención de David Santomil, o Concelleiro de Educación acusou a Ames Novo de motivos exclusivamente políticos reprochándolles o acordo coa oposición. Ao Partido Popular sacoulle a programación que realizaran no 2011 pero ao preguntar aos concelleiros se a lembraban atopouse coa realidade de que ningún dos actuais estaba naquel goberno

Na segunda quenda de intervencións foi onde o ambiente caldeouse algo mais. Javier López volveu recriminar a actitude de Santomil e o emprazou a cambiala e solucionar os erros cometidos. A continuación Isabel Baquero insistiu nos argumentos xa presentados por David Santomil dirixindo as súas palabras cara a Ames Novo e invitándoos a presentar unha moción de censura.

Ramón García de Pacto x Ames recriminoulle o uso do cualificativo “circo” ao que estaba a pasar e pediulle respecto ademais de lembrarlle que temas como o contrato do aluguer do local de Aldea Nova foron posibles porque no anterior mandato realizáronse xestións previas.
Pilar Candocia contestou as acusacións de David Santomil e Isabel Baquero lembrando que xa na lexislatura anterior habían apoiado dúas reprobacións e explicando que esta se xustificaba máis que pola cabalgata en se pola resposta dada polo concelleiro de educación ás críticas de veciños e empresarios. Pero ademais Pilar Candocia lembroulle que o BNG tamén votara co PP e que se na anterior lexislatura non houbera moción de censura é porque era matematicamente imposible.

A segunda quenda do Partido Socialista foi usada polo alcalde José Miñones que dixo que este ano a programación fíxose “dialogando cos comerciantes” e coa sociedade civil e que a diferenza entre manter ou non a tradición non podía ser o paso dun tren. O alcalde insistiu tamén, recriminando incluso as palabras das súas propios concelleiras, que o deste ano non fora igual ao que se facía dando a entender que as festas foran moito mellores

Oliva Agra do Partido Popular realizou unha intervención moi corta na súa segunda quenda na que mostrou a súa estrañeza pola actitude do equipo de goberno “non se porque se encabronan” e explicando que se se realizaba a reprobación era polas queixas recibidas por parte dos veciños e non porque lles dese a gana a eles.

A sorpresa sen dúbida foi a última intervención de David Santomil. Lonxe de responder as acusacións que se lle facían ou de defenderse das acusacións de soberbia e prepotencia o concelleiro de educación recorreu ao ataque con temas que non tiñan nada que ver co debatido. En primeiro lugar responsabilizou a Ramón García, presentando incluso unha nota interna asinada por García no 2011, dunha sentenza que obrigou ao concello a pagar 60.000 euros, escoitamos a acusación e a resposta de Ramón García quen terminou dicindo que non só perdíalle o respecto como político se non tamén como persoa

A continuación David Santomil sacou un informe de intervención co que acusou a Pilar Candocia de “saquear” as contas do BNG cando se marcharon do partido e de realizar a reprobación porque querían “quitalo do medio”, algo que tamén foi respondido pola concelleira de Ames Novo explicando a realidade do sucedido naquel momento, pedindo que constase en acta todo o dito e emprazándoo a ir ao xulgado se consideraba que había algo ilegal, escoitamos tamén ambas as intervencións

O resumo para os veciños resulta desalentador xa que das numerosas acusacións recollidas na moción de reprobación moi poucas ou ningunhas respostas déronse. Á marxe da cabalgata non se sabe cando se realizará a homenaxe a Maximino Viaño, mantéñense as dúbidas sobre a programación e a xestión das bibliotecas, a relación coas ANPAS quedou en dúbida e mesmo, na intervención de Isabel Baquero, chegouse a achacar a David Santomil a resolución do problema do conserxe de Ventín obviando que era un problema que non existía, non se sabe tampouco canto se tardará en regularizar a situación dos profesores da escola de música e aínda que si se recoñeceron as xestións realizadas coa Xunta para novos equipamentos non quedou claro canto se debe ao actual concelleiro e canto a anteriores corporacións.

Primeiro concelleiro reprobado nesta lexislatura e a sensación de que podería non ser o único polo devandito no pleno municipal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies