Lendas do Deza en  De mouros, mouras e tesouros de García Porral

0

Compostela, 11 de outubro do 2017 – O escritor Xoán Carlos García Porral recompila na obra De mouros, mouras e tesouros. A Comarca do Deza un total de 516 lendas dos concellos desta bisbarra.

De mouros, mouras e tesouros sae do prelo da man de Edicións Fervenza co apoio, entroutros, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou o autor lalinense no acto de presentación do libro, que se celebrou no Museo do Pobo Galego. Valentín García destacou “os quince anos de esforzo investigador competente e serio que están detrás desta obra”, que considerou “un traballo fundamental para o coñecemento da literatura popular en lingua galega, pero tamén para a comprensión da chamada toponimia lendaria e da nosa cultura en xeral”.

Ademais do secretario xeral e do autor, na presentación do libro interviñeron Miguel Villar, empresario e presidente da Fundación Amigos de Galicia; Lito Andión, presidente de Cooperativa Hoxe; Xosé Manuel González Reboredo, antropólogo; Matías Rodríguez da Torre, profesor e escritor; Lorena Recimil e Bernardo Insua, ambos os dous, ilustradores.

516 lendas de mouros, mouras e tesouros

“De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza” é unha obra de investigación na que se recompilan 516 lendas de mouros dos concellos que integran a dita bisbarra: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. A obra sae do prelo logo de 15 anos de investigación exhaustiva do seu autor, editada por Fervenza e coa colaboración da Xunta de Galicia, da Cooperativa Hoxe e do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.

As lendas, recollidas na segunda parte do libro, están precedidas dun estudo introdutorio sobre a función dos mouros, as mouras e os tesouros no imaxinario popular galego e seguidos dunha análise dos relatos recollidos. De máis a máis, a obra contén un anexo cunha ligazón que permite xeolocalizar os espazos onde se sitúan as lendas, que se marcan cun símbolo distintivo en función da súa temática.

Patrimonio histórico-cultural da Comarca do Deza

Xoán Carlos García Porral (Goiás, Lalín, 1974) é doutor en Antropoloxía Social pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) cunha tese sobre a modernización do rural mantendo a tradición cultural. Conta cun Mestrado en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural polo Centro Superior de Investigacións Científicas e a USC e a súa actividade investigadora céntrase na difusión do patrimonio histórico-cultural da Comarca do Deza. Froito dela son os libros “Goiás, vida dunha parroquia rural galega”; “Realidade eclesiástica do concello de Lalín na época postridentina”; “Modernización rural e tradición cultural”; “Lendas castrexas. Antropoloxía da tradición oral no concello de Lalín”; “De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea”; e “O mundo dos castros. A comarca de Deza”. No eido da creación literaria publicou recentemente o libro de relatos “O último caseiro” en Edicións Fervenza.

 Como profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda e membro do seu equipo de dinamización da lingua galega, impulsou o proxecto “A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda”, que resultou gañador do IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego no curso 2014-2015.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies