Mandingo lonxe de estar canso de heroes galácticos. Volve a revisar unha produción de xénero fantástico, neste caso da man da Marvel, Deadpool 2, pero tamén ten tempo para falarnos dunha emotiva historia de amor que viviu nos derradeiros anos da súa vida a actriz Gloria Grahame, Films Stars don’t die in Liverpool

No 1986 publícase o libro FILM STARS DON´T DIE IN LIVERPOOL escrito polo actor Peter Turner, no que conta as súas vivencias xunto a actriz Gloria Grahame, que coñeceuna na cidade inglesa no derradeiro ano da década dos setenta e da que namorouse perdidamente. Tanto o propio Turner coma o guionista Matt Greehalgh adaptan a historia orixinal para o guión que traduce en imaxes Paul McGuigan na película do mesmo título e que recén estreouse na pasada semana.

Durante moitos anos, Annette Bening agardou o intre adecuado para interpretar o rol da actriz gañadora do Oscar a Mellor Secundaria no 1952 na obra mestra de Vicente Minelli THE BAD AND THE BEAUTIFUL. E esperou tanto por que quería coincidir na idade coa que Grahame tiña no ano da estrea do ALIEN (1979) de Ridley Scott. Benning,  amiga persoal de Barbara Broccoli, posuidora dos dereitos cinematográficos do libro de Turner, convenceuna da idoneidade de ser ela e só ela a actriz que mudara na pel da ex dona de Nicholas Ray.

Foi a Grahame unha muller que rompeu moldes no Grande Hollywood. Actualmente o movemento MeToo está a loitar con éxito por varrer as malas práxis (cando non abusos) do máis rancio machismo que serpentea nas Majors, pero hai sesenta anos, as actitudes e comportamentos dos directivos e produtores coa maioría das actrices eran outros e as mulleres tiñan que calar e sorrir.

A Grahame non foi unha delas.

Precursora á hora de facer valer os dereitos das mulleres, dos homosexuais ou das minorías, nunca cedeu o seu credo a cambio dun rexistro no cine. E así foille por desgraza, xa que o Grande Hollywood foina apartándoa incluso antes do que soen facer coas actrices que van cumprindo anos. Así entendemos as motivacións da Benning polo papel, xa que a esposa de Warren Beatty é tamén unha significativa peza do “outro” Hollywood; aquel que vai polo xeral, na contracorrente dos intereses empresariais da costa atlántica dos EE.UU.

A Benning, intérprete de relevo, que sobrevive no cinema a pesar da ditadura da idade que antes comentábamos, fai un moi bo rexistro nun papel feito a medida para ela. Pero onde elevamos os máximos honores é na excepcional caracterización que Jamie Bell fai do namoradizo Peter Turner. O cativo de BILLY ELLIOT (2000) fai a mellor actuación da súa carreira, por moito.

No filme, o xove Turner vive un apaixoado romance coa veterana actriz que rompe esquemas na conservadora sociedade inglesa. A diferenza de idade escandaliza os que sempre escandalízanse (aínda agora hai xente que non entende as relacións de madura e toy boy, e nembargantes ven coma normal as dos vellos millonarios coas xoves modelos) pero iso non é atranco para que o amor que sinte a parella sexa autenticamente sincero.

Paul McGuigan dirixe co pulso do cineasta que tenta trascender coa súa obra corazóns alleos. O que semella unha sinxela produción romántica, trata de darlle unhas pinceladas de “cinéma d´auteur” que por intres non casan ben coas producións típicamente británicas. Non digo que sexa un erro, pero eses xogos nas iluminacións no dormitorio da parella van nunha liña artística que nada ten que ver co resto do filme. Non ten a elegancia innata do filme BRIEF ENCOUNTER (1945) obra mestra lexendaria de David Lean, pero tampouco é unha rompedora transgresión “godardiana”.

O filme é sobre todo un triunfo das actuacións do elenco. Magníficas as interpretacións de Kenneth Cranham, capaz de mantelo plano só coa súa ollada; a ollada dolorida dun pai preocupado polo sufrimento do fillo e da actriz Julie Walters, nai tempestuosa de Peter, pero cun corazón de ouro. E qué dicir de Vanessa Redgrave!. Tan só polos minutos que aparece na pantalla xa merece a pena acudir a vela película.

Consegue o director emocionar cunhas secuencias realmente conmovedoras como a despedida da familia, o encontro coa amiga no casino, a conversa de pai-fillo no pub ou na cociña e o moi compunxido e derradeiro saúdo entre os dous amantes no taxi, que serve a McGuigan para facer unha eficaz transición a través da xanela do coche coma se dunha pantalla de cinema fora, fundila imaxe nun clásico The End, para sorprendernos coa homenaxe que fai poñendo as imaxes da recollida do Oscar que gañou Grahame e o seu particularísimo agradecemento que deixou a Bop Hope realmente boquiaberto. Todo elo, mesturado coa canción YOU SHOULDN´T LOOK AT ME THAT WAY do xenial Elvis Costello que amplifica os sentimentos cunha autenticidade sincera, xusto todo o contrario ao que vimos no epílogo sensiblero e ñoño no filme CALL ME BY YOUR NAME (2017) de Luca Guadagnino.

Filmado en tan só 42 días na cidade de Liverpool e nos Pinewood Studios de Londres, é unha obra que esperta en nós unha simpatía xusta. Cinema romántico alonxado dos estándares edulcorados coas “noivas de América” e demáis trapalladas.

E mudando radicalmente de estilo, imos abordar a segunda parte do heroe máis transgresor que hai actualmente nas pantallas de cine. Falamos do Wade Wilson do canadiense Ryan Reynolds ou o que é o mesmo, Deadpool.

No ano 2016, Reynolds anotárase un merecidísimo éxito de crítica, público e recadación coa ópera prima de Tim Miller, que probablemente foi o grande “sleeper” daquel ano. Co dobre de orzamento, DEADPOOL 2 (2018) de David Leitch -director sen acreditar da magnífica JOHN WICK (2014) e autor da interesante ATOMIC BLONDE (2017)- é un filme que non baixa un ápice o seu humor (negro, coma a fame dos anos escuros), nin a súa irreverencia vistas na primeira. Coma ben din nos logrados promocionáis que pululan polas redes, “máis grande, máis dura”.

Nesta ocasión, Deadpool vai sentala testa e formar unha familia coa súa moza Vanessa. Pero claro, algo vai mal e ten que volver a repartir sopapos e bofetóns ata que chega Cable (moi ben Josh Brolin no papel de xusticeiro viaxante no tempo, a diferenza do pouco crible que fai o Thanos no AVENGERS: INFINITY WAR deste ano).

Con innumerables bromas e triscadelos a outros filmes, actores e superheroes (sego a rir cando lembro a pregunta dun incrédulo Cable a Deadpool  “quén ves sendo?”.” Sonche ó Batman” dí Reynolds forzando a voz coma se fora Christian Bale) a película e unha moi entretida e divertida produción. Non ten o frescor da orixinalidade que gañounos na primeira entrega, pero triúnfa claramente por amosarnos o pouco respeto que teñen a toda norma politicamente correcta. Moi bo traballo no guión do propio Reynolds e da dupla Rhett Reese e Paul Wernick que xa fixeran o texto do filme de hai dous anos e que déronse a coñecer polo escrito para esa xoia que é ZOMBIELAND (2009) de Ruben Fleischer.

A pesar do aire despreocupado que semella que foi a rodaxe, as calidades nos apartados técnicos son de nota moi alta, sen asoballar visualmente coma nas producións maiores da Marvel, pero de empaque elevado grazas ao bo traballo que fan os responsables da WETA DIGITAL.

Convídovos a que atopedes os contados pero divertidos cameos que fan Brad Pitt, Alan Tudyk, Matt Damon ou James McAvoy, consentidores partícipes nesta broma que promete seguir nos vindeiros anos.

Disfrutadea, que non tódolos días temos a oportunidade de ver cine de superheroes tan singulares (ó Hancock que interpreta Will Smith no título homónimo de 2008 dirixido por Peter Berg semella Forrest Gump se o comparamos co Deadpool de Reynolds).

E por hoxe, máis nada. Vémonos nos cinemas.

Share.

1 comentario

  1. Apetéceme! Lembro a primera parte e foi unha grata sorpresa.
    Acción e humor. Que é o que un espera de este tipo de películas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies