O delegado da Xunta e o alcalde de Touro visitaron o CPI Fonte Díaz

0

Touro, 10 de novembro do 2018 – O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitaron o CPI Fonte Díaz onde Educación acometeu unha reforma integral cun investimento de 544.000  euros.

O proxecto

O proxecto levado a cabo no CPI de Touro contemplou a reforma de todo o tellado do edificio principal do centro, dotándoo dunha capa de illamento, a modificación dos canelóns e substitución das baixantes; e aplicouse un sistema de illamento térmico nas paredes exteriores. Tamén nas fachadas exteriores substituíuse a vella carpintaría de fiestras e portas por outra de aluminio con rotura de ponte térmica, vidros de dobre folla e persianas metálicas integradas. Por último, cambiáronse as luminarias interiores das aulas e locais, que pasaron de ser tubos fluorescentes a focos con tecnoloxía led, e pintouse todo o interior do centro.

Traballos en toda a bisbarra

Na visita, na que estivo tamén o director do centro educativo, Daniel Pereiro e outros membros da corporación municipal, Ovidio Rodeiro destacou que “o proxecto supuxo unha reforma integral do CPI Fonte Díaz, que non só permitirá aforrar no consumo de luz e calefacción, senón que tamén redundará nunha maior comodidade para o profesorado e o alumnado, así como axudará a contribuír na concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente con modelos de desenvolvemento sostible”. Ignacio Codesido, pola súa banda, agradeceu que o CPI Fonte Díaz fora un dos primeiros centros elixidos para someterse a unha mellora integral e tamén valorou os efectos dos traballos acometidos.

Ovidio Rodeiro anunciou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional continuará realizando proxectos deste tipo nos centros educativos e que no vindeiro ano está previsto que actuacións similares a este de Touro se leven a cabo nos CEIP da Ramallosa, en Teo, e no Felipe de Castro, de Noia.

Desde que se puxeron en marcha estas accións, en 2016, a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares de toda Galicia, todos eles construídos hai décadas. Con estas actuacións a Consellería de Educación dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial